Programa nº 138, 04/12/23: “A ameaza dos polígonos eólicos, II”. Entrevista: Torcuato Teixeira da Plataforma en Defensa da Pesca e dos Ecosistemas Mariños. Música: Uxía + Sérgio Tannus. [Escoitalo en AmesRadio.gal
]
Etiqueta: alimentación
Programa 125. Municipios Resilientes: o plan de 6 puntos de Cucarella (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 125, 10/04/23: “Municipios Resilientes: o plan de 6 puntos de Cucarella”. Entrevista: Vicent Cucarella. Música: Eva Cassidy. [Escoitalo en AmesRadio.gal
]
Programa 124. VerdeArte, comida vexetal de quilómetro cero (Vivirmos nun mundo finito)

Pilar Ortiz con Manuel Casal, na gravación do programa ‘Vivirmos nun mundo finito’. Foto: Ames Radio.

Programa 112. Perennia, bosque comestible en Teo (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 112, 09/01/23: “Perennia, bosque comestible en Teo”. Entrevista: Isaac Fudili, de Perennia. Tema musical: Jethro Tull. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Dous anos sen avances municipais para preparar Ames para o devalar enerxético
O pasado xoves 23 de marzo puidemos asistir no Milladoiro ao pleno municipal da corporación de Ames convocado para facer balance ante a cidadanía dos primeiros 22 meses de goberno municipal tripartito PSOE-BNG-ContigoPódese. Nas dúas primeiras horas (non puidemos asistir á parte final do pleno) comprobamos que a preparación de Ames, o seu concello e a súa veciñanza para o final da Era da enerxía fósil estivo completamente ausente do que alí se expuxo e debatiu. De facto, apenas si houbo algunhas escasas mencións puntuais a cuestións relacionadas coa enerxía. Os representantes do goberno municipal defenderon que o seu goberno non fora en absoluto “continuísta” co anterior goberno (PP), mais no que atinxe ás medidas expostas nada nos leva a pensar que estean a ter en conta o Peak Oil e mais o proceso de crise terminal da nosa civilización ao que este nos aboca. Xa que logo, si que hai un considerable “continuísmo”, polo menos no que toca a este tema tan trascendental e que tanto vai afectar (está afectando xa, en forma de crise económica, paro, etc.) ás persoas que vivimos en Ames. O goberno anterior tampouco podería alegar total descoñecemento, pois o concelleiro Bernardo Moar recibira en 2012 documentos suficientes para comprender a gravidade da situación e a necesidade de actuar. Mais este goberno é o primeiro que ten un coñecemento amplo da cuestión e que fixo acuse de recibo das advertencias que lle presentamos as persoas que divulgamos e facemos activismo sobre a cuestión.
Certo é que este goberno municipal fixo no ano 2016 algo moi concreto neste sentido, e que non podemos deixar de lle recoñecer: apoiar a difusión que desde a nosa asociación, Ames Pospetróleo, fixemos do problema con senllas presentacións públicas en Bertamiráns e no Milladoiro do tema do Peak Oil, coa emisión nas respeitivas casas da cultura, do documental Non hai mañá, con presenza do alcalde José Miñones e diversos membros do goberno municipal, así como de Ames Novo. Porén, semella ter quedado todo aí. Non negamos que certas medidas das que se explicaron onte poidan ser útiles para preparar a veciñanza e a propia entidade municipal ante o devalar enerxético en cuxas primeiras fases nos achamos inmersos, como poden ser: bonificacións do IBI para persoas que instalen sistemas de captación de enerxías renovables nos seus fogares, ou a contratación (moi parcial, polo que coñecemos) do subministro eléctrico coa cooperativa galega de renovables Nosa Enerxía. Mais son, claramente, medidas insuficientes, illadas e que non se están a tomar precisamente dentro dunha estratexia firme, trasversal e convencida, para afrontar a radical trasformación social que require a consciencia de que este modelo civilizatorio baseado no petróleo (e outras enerxías finitas) chega á súa fin e de que cómpre urxente e profundamente actuar desde os poderes públicos para preparar o novo modelo máis local, máis resiliente e menos consumidor de enerxía e materiais. Outras medidas das que está a pór o Concello en marcha como o saneamento das contas públicas, a redución dos custos financeiros, os comedores escolares baseados en alimentos de proximidade, etc. así como outros que non se mencionaron onte, pero que coñecemos, como a ampliación das hortas urbanas ou a prohibición dos praguicidas, ou a creación dunha moeda local (disimulada baixo a forma de puntos para gastar nos comercios cando se entregan residuos nos Puntos Limpos) recoñecemos que teñen utilidade neste camiño e alédanos que se manteñan ou se realicen avances nesas direccións. Porén, son tan escasos, tan tímidos e inconexos que non podemos recoñecer neles unha estratexia definida e seria de preparación social para o colapso da civilización industrial, para a fin do petróleo nin para a fin do crecemento económico.
Tampouco vimos nestas dúas primeiras horas do pleno realizado no Milladoiro que a oposición lle reclamase ao goberno esta ausencia de planificación para o devalar enerxético, malia ter constancia de que, polo menos boa parte dela (Ames Novo e Pacto x Ames), son perfectamente conscientes da existencia do problema, polos contactos realizados pola nosa asociación durante a campaña electoral previa ás últimas eleccións municipais. Semella que nin os membros do goberno nin da oposición queren facer uso desa consciencia do problema para promover actuacións expresamente destinadas a preparar a cidadanía. Será que se coñece pero que non se considera unha prioridade? Será que se pretende actuar dalgunha maneira sutil e disimulada, baixo o radar, sen lanzar unha mensaxe difícil de aceptar pola cidadanía, polo que de descoñecido ten o problema e por non seren os augafestas que lle poñan o axóuxere ao gato? A día de hoxe descoñecemos o motivo.
Coidamos, en calquera caso, que aínda está a tempo este goberno (e mais a oposición que queira ser construtiva e estar á altura do grave momento histórico que vive non só Ames senón o mundo enteiro), de tomar as medidas precisas. Sería especialmente importante reaccionar antes de que os impactos máis visibles do devalar do petróleo se fixeren presentes entre a cidadanía amesá, como serán os desabastecementos enerxéticos, de alimentos ou de outras materias de primeira necesidade, algo que analistas de prestixio internacional como Antonio Turiel sitúan probablemente nos vindeiros anos, é dicir no noso futuro inmediato. Esperemos que este goberno non crea que non lles vai tocar a eles, e que pensen que segan ou non a gobernar eles de aquí a 3 anos, é o seu deber moral como responsables públicos, tomar xa as medidas precisas (e non apenas algúns xestos inconexos) para evitar as peores consecuencias deste colapso aos seus conveciños e conveciñas. Unha destas oportunidades que semellan aínda estar abertas ten que ver co Plan de Emerxencias mencionado onte no pleno polo alcalde. Será que poderán incluír nel un plan específico de continxencia ante un desabastecemento enerxético que tarde ou cedo ha bater tamén no noso concello? Porque lembremos que Ames non ten petróleo de seu, e que é totalmente dependente do exterior nos combustibles que moven vehículos públicos e privados, e numerosa maquinaria de uso municipal e empresarial, e outras substancias derivadas del. Por non falar da dependencia e falta de resiliencia noutros aspectos enerxéticos (como o fornecemento de electricidade) e non enerxéticos.
As medidas que lle reclamamos ao goberno do noso municipio (e que foran recollidas en http://ames.pospetroleo.com, algunhas das cales os propios grupos que forman parte do goberno se comprometeron en campaña electoral a incorporar á súa acción de goberno, son medidas factibles e en moitos casos pouco custosas en termos económicos. É agora, cando se están a negociar e aínda non se presentaron a aprobación, os orzamentos municipais, cando se ten que demostrar con feitos e con partidas orzamentarias que se van tomar medidas claras e contundentes para camiñar cara a un Ames que non dependa dos combustibles fósiles. Porque non facelo sería agachar a cabeza diante un problema que está aí, que os representantes de PSdeG, BNG e Contigo Pódese saben que está aí, e que non por non ollar para el vai deixar de ter un impacto demoledor sobre a normalidade da vida en Ames.
Animamos, xa que logo, ao goberno municipal a actuar xa, por medio destas liñas de actuación orzamentaria e mais do Plan de Emerxencias municipal, así como doutras que aínda dá tempo a abrir na segunda metade do seu mandato. Consolídense as medidas xa en marcha que poidan ter utilidade e íntegrense con outras máis específicas. Explíquese á cidadanía o valor que teñen para prepararnos para o devalo enerxético e para a mudanza climática, que tamén en Ames nos está a afectar cada ano con máis forza. Contan con argumentos de sobra, co noso decidido apoio e colaboración, e seguramente co das forzas da oposición máis responsables. E fáganno tamén abrindo á participación da cidadanía todas estas medidas; se son quen de promover o coñecemento do grave momento histórico ante o que estamos, a xente saberá comprender o que debe ser feito e poderán apoiar todas estas medidas que desde a nosa pequena organización lles reclamamos e mesmo propór outras que nazan da iniciativa veciñal.
É hora de estarmos todos á altura desta grave situación.
Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do PSdeG-PSOE para Ames
A final da pasada semana o grupo municipal do PSdeG-PSOE fíxonos chegar un documento no que se detallan cales das medidas que lles propuxéramos na nosa xuntanza de marzo decidiron asumir e incorporar ao seu programa de goberno. Incidindo no que xa nos expresaran daquela, eles consideran que moitas delas encaixan perfectamente con medidas que xa aplicaran nos 8 anos que estiveran no goberno do Concello (2003-2011), e así nolo explican na primeira parte do documento que citamos a continuación. Segundo explican, “algunhas delas durante estes tres últimos anos deixaron de realizarse e ficaron esquecidas no caixón do goberno do PP; e, está claro, tamén, que se poden continuar, reforzar, e complementar”:
Economía e goberno local
- EO4: RECUPERACIÓN DOS MERCADOS LOCAIS DE ALIMENTOS: “Promovemos feiras e mercados locais a través do mercadillo de Bertamiráns; a través de Amorodo con productores locais introducidos en canles de distribución dos seus produtos: no mercadillo mesmo e coa rede de cestas; mercados puntuais en diferentes festas como a da Naturaza.”
- E08: PROGRAMA DE NOVAS EMPRESAS SUSTENTABLES: “Estimulábase e apoiábase o emprendemento a través do servizo de asesoramento e das ILES. Aínda que para ser ILE non se tiñan en conta criterios de sustentabilidade relativos ao petroleo.” Na nosa opinión esta medida só ten sentido se se aplican precisamente eses criterios: non se trata de apoiar a creación de calquera tipo de empresa, senón de empresas que sexan sustentables nun contexto de devalar enerxético, que non dependan de insumos derivados do petróleo e que axuden á resiliencia do municipio.
- E10: REORIENTACIÓN DE EMPRESAS PARA O CONSUMO LOCAL: “A través de todas as campañas de fomento do consumo local.” É importante, pero fomentar o consumo local non é o mesmo ca fomentar que as empresas se reorienten cara ese consumo: unha vía traballa desde o punto de vista da demanda, e a outra, desde o da oferta.
- E14: PROGRAMA DE APOIO AO COMERCIO E Á DISTRIBUCIÓN LOCAL: “Viñemos reforzando o comercio de proximidade a través de Amorodo, non so co punto de venta onde estaban os productores senon co sistema de cestas —rede local de suministro— onde eran coñecidos polos consumidores. Tamén a través de todas as campañas de promoción do comercio local: Guía de Compras, Rede Calidade en Galego, animación na rúa ca chegada do bo tempo: Animación do Comercio na Rúa, Campañas Navideñas, etc).”
- E15: PROMOCIÓN DA PRODUCCIÓN LOCAL DE ALIMENTOS: “A través de Amorodo estimulabase e axudabase á producción local.” É un bo referente, pero claramente insuficiente. Precisa ser ampliada a súa escala ata aproximarnos ao obxectivo de que a maior parte dos alimentos consumidos por toda a poboación de Ames procedan do propio concello ou da bisbarra.
- E21: BANCO DE TEMPO MUNICIPAL: “En Servizos Sociais puxérase en marcha.”
- E22: PROMOVER FEIRAS DE TROCO: “Celébrabamos 1 ao ano, cada edición con máis éxito.”
- E24: FORMACIÓN PROFESIONAL POSPETRÓLEO: “Fomentamos a integración de persoas desempregasdas mediante obradoiro con novo oficio de instalador de enerxía solar térmica.” Semella algo moi insuficiente: existen moitas outras profesións que cómpre recuperar para un novo xeito de vida pospetróleo.
- E25: APOIO AO CONSUMO DE ALIMENTOS LOCAIS: “Apoiamos ás redes locais de distribución de alimentos, creándoas de cero (posto mercadillo + sistema cesas) e dotandoas de diferentes axudas: PDA por exemplo para que o sistema de cestas fose máis áxil e doado; novos investimentos no mercadillo xa existente). Tamén a través de campañas de fomento consumo local.” Precisa ser ampliado en escala para apoiar a medida inseparable da promoción da produción local de alimentos.
- E26: PLAN DE COMPRAS MUNICIPAL EN PROXIMIDADE: “É algo que se viña facendo a nivel de todo o concello: comedores escolares que mercan a Amorodo, supermercados, panaderías e tendas locais; noutros departamentos tamén cos servicios contratados priorizando en igualdade de oferta e prezo os que fosen do concello; etc).”
- E27: PLAN DE DESCENTRALIZACIÓN ADMINISTRATIVA: “Posta en marcha da administración electrónica, etc.”
Urbanismo e hábitat
- U01: PROMOCIÓN DA HORTICULTURA URBANA.
- U02: HORTAS URBANAS COMUNITARIAS.
- U02: RECUPERACIÓN DE HORTAS.
- U09: PROMOCIÓN DA ARQUITECTURA BIOCLIMÁTICA: “A Aula da Natureza pretendía ser un lugar común para todos, pero tamén un espazo de educación ambiental, onde o propio edificio predicase co exemplo. Así, na restauración tivose en conta este tipo de arquitectura, no tocante a: ventilación, emprego de materiais, reutilización de augas grises, emprego de enerxías renovables dende un punto de vista eficiente e real a nivel de vivenda unifamiliar. A idea foi incidir neste campo a través das diferentes campañas / accións de educación ambiental que viñamos facendo xa dende a aula.”
- U12: PROGRAMA DE AMPLIACIÓN DE ESPAZOS VERDES: “Programa e proposta O Milladoiro que está por ver…”
- U11: REFORMA DOS EDIFICIOS MUNICIPAIS PARA O AFORRO ENERXÉTICO: “Antes de acometer o obradoiro fixose un estudo de TODOS os edificios municipais para ver aqueles susceptibles de instalar os paneis de enerxía solar térmica. Tíñano todos os que o podían ter, e no resto foron instaladas diferentes medidas de aforro energético a través de luminarias, etc. Está recollido o aforro ecónomico e o CO2 que o concello evita anualmente. Posteriormente fixose unha auditoría energética do INEGA para ver outras alternativas de aforro enerxético.”
Transporte
- T10: CAMPAÑA PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCIÓN: “Medida incluida dentro da campaña OFICINAS E FOGARES SOSTIBLES. A idea era mandar tamén ao persoal do concello a facer os cursos de conducción eficiente, eran gratuitos. Unha vez feito o folleto base con todas as medidas a idea era periódicamente facer campañas mais intensivas de cada apartado: tóner, papel, luz, vehículos, etc.”
Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras
- XO4: CREACIÓN DA AXENCIA MUNICIPAL PARA A TRANSICIÓN ENERXÉTICA: “Nós chamámoslle Aula da Natureza, é un centro de difusión, un centro de demostración de técnicas sustentables non só a nivel enerxético, senon doutras formas sustentables de actuar).” Debe ser ampliado o seu alcance e mesmo mudada a súa denominación para que deixe de percibirse como unha cuestión ambiental para entenderse que se está a liderar unha trasformación profunda do municipio en todos os terreos.
- X05: PROGRAMA DE DIFUSIÓN E FORMACIÓN PARA A ADAPTACIÓN SOCIAL POSPETRÓLEO: “Xa o viñamos facendo no goberno socialista, e nos plans estaba seguir empregando a aula: aforro enerxético, compostaxe caseira —ademais das subvencións para compra de composteiros e charlas de emprego e beneficios do mesmo—, etc etc. A través de Amorodo tamen se teñen dado moita formación por exemplo de autoproducción e conservación de alimentos (hai de feito unha autoclave en Aldea Nova que envasa e esteriliza moitos botes xuntos).” Claramente hai que repensar esta difusión en clave de Peak Oil, pois o que se viña facendo estaba pensando desde outros parámetros, perfectamente válidos e necesarios, pero claramente insuficientes e parciais.
- X10: DECLARACIÓN DE ZONA LIBRE DE TRANSXÉNICOS
- X15: PLAN PARA A REDUCCIÓN DO LIXO E A PROL DA COMPOSTAXE
- X17: PROGRAMA DE APOIO E DIFUSIÓN E CONSERVACIÓN DE SEMENTES LOCAIS DE INTERESE ALIMENTARIO: “Fíxose en Amorodo.”
- X24: REVISIÓN DA ACTUALIZACIÓN DA ILUMINACIÓN VIARIA.
- X25: CREACIÓN DE HORTAS ESCOLARES: “Tiñamos unha horta escolar para nos coñecido como MONTE ESCOLAR. Tamén temos a horta da Aula da Natureza, alí íase a facer talleres con hortalizas, flores, etc ademais de seguir co Programa de Valorización do Monte e Prevención de Incendios iniciado no Monte Escolar.”
Aparte disto no que xa afirman teren traballado, comprométense a levar a cabo estoutras medidas novas de entre as incluídas na nosa proposta:
Economía e goberno local
- E08: PROGRAMA DE NOVAS EMPRESAS SUSTENTABLES. Insistimos en que deben ser sustentables pospetróleo.
- E28: CONTABILIDADE DO AFORRO DAS MEDIDAS POSPETRÓLEO.
Urbanismo e hábitat
- U04: PLAN PARA A MELLORA ENERXÉTICA DAS VIVENDAS.
- U05: PROGRAMA PARA A XERACIÓN ELÉCTRICA EN EDIFICIOS: “Fomentando mediante algunha exención.”
- UO8: PROGRAMA DE ESPAZOS VERDES PRODUCTIVOS: “Aínda que esta funcionalidade xa a recollen as hortas urbanas.” Non de todo, pois do que se fala aquí é de reconcebir os espazos verdes como zonas de produción de alimentos e outros produtos naturais de utilidade.
- U15: PROMOVER A RETIRADA DE AMIANTO NAS CONSTRUCIÓNS: “Dentro de esta medida non todo é viable, pero sí se poden considerar das opcións propostas como a exención de tasas, seguir perseguindo os verquidos ilegais e facer unha campaña de concienciación.” Lamentamos que non se considere viable axudar a eliminar o antes posible un potente carcinóxeno que está presente de maneira ubicua no noso hábitat, precisamente porque as administracións públicas o viñeron favorecendo e permitindo historicamente. Consideramos un deber das propias administracións constribuír á súa eliminación dunha maneira segura antes de que se careza dos recursos e infraestruturas precisas para realizalo masivamente e con seguridade. Con todo, a aposta que fai o PSdeG resulta valiosa.
Transporte
- T02: PLAN DE PROMOCIÓN DO USO DA BICICLETA.
- T04: PROGRAMA DE AMPLIACIÓN DO TRANSPORTE PÚBLICO.
- T05: ABARATAMENTO E GRATUIDADE SELECTIVA DO TRANSPORTE PÚBLICO.
- T07: PROGRAMA PARA O USO COMPARTIDO DE AUTOMÓBILES.
- T11: PLAN PARA O USO DO TRANSPORTE PÚBLICO POLOS CARGOS PÚBLICOS DO CONCELLO.
- T12: ESTUDO PARA UN SISTEMA DE TRANSPORTE PÚBLICO MEDIANTE MICROBUSES.
Fiscalidade
- FO2: REFORMA TRIBUTARIA A PROL DO COMERCIO DE PROXIMIDADE.
- FO5: REFORMA NORMATIVA A PROL DA VENDA LOCAL DE ALIMENTOS AUTOPRODUCIDOS.
Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras
- X01: CREACIÓN DO BANCO DE TERRA MUNICIPAL.
- X12: CAMPAÑAS A PROL DOS USOS COMPARTIDOS.
- X14: CAMPAÑA INFORMATIVA PARA O AFORRO ENERXÉTICO NO CONSUMO DE PRODUCTOS E SERVIZOS.
- X23: SERVIZOS DE LIMPEZA VIARIA SUSTENTABLES.
Rematan o seu documento cun agradecemento: “Antes de rematar, agradecer o voso completo e fantástico traballo, e a animarvos a que continuedes coa vosa labor porque é necesario que existan personas que nos conciencien da necesidade de pensar no futuro.” Nós tamén lles agradecemos que se tomaran a molestia de nos enviar un documento específico avaliando as medidas unha a unha, o cal nos facilita moito a súa comunicación e a análise de ata qué punto asumiron a nosa mensaxe e propostas para un Ames preparado para a nova Era Pospetróleo.
Avaliamos moi positivamente que se recoñeza a importancia deste tipo de propostas e que se asuma un bo feixe de medidas novas, aínda que non concordemos en que haxa tanto aproveitable do feito nos anteriores gobernos PSdeG e PSdeG-BNG que houbo no concello. Si que poden ser puntos de partida interesantes que retomar, pero sen dúbida hai que ampliar moito o seu alcance e poñelos nun contexto marco de preparación para a fin do petróleo. É dicir, claro que hai cousas moi válidas no feito antes, pero agora cómpre reorientar e poñer nun maior valor e urxencia moitas desas medidas, integrándoas entre si moito máis, potenciando a súa utilidade como vías para a resiliencia local. Neste sentido achamos en falta que se asuman algunhas das medidas que máis claramente poderían contribuír a esta integración e á comunicación da importancia e urxencia social do que se pensa facer para preparar o concello para a fin do petróleo como son algunhas do apartado de Medidas xerais e de concienciación: Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo; Creación da imaxe marco para todas as medidas municipais pospetróleo; Campaña de difusión mediática local das medidas pospetróleo; Declaración de adscrición ás Cidades en Transición; etc.
É dicir, semella que o PSdeG-PSOE de Ames quere avanzar nesta dirección pero dunha maneira moi discreta, con medidas que publicamente non se vencellen entre si, e sen comunicar dunha maneira forte, aberta e decidida que se vai traballar para afrontar o problema do Peak Oil (p.ex. no programa que se pode consultar no web do candidato ou en versión PDF no web da agrupación local do partido, non aparecen estas cuestións que si nos fixeron chegar en comunicación privada). Este documento que nos fixeron chegar é, sen dúbida, un paso importante para unha formación como o PSdeG-PSOE que demostra que a nivel local este partido amosa un recoñecemento e disposición meirandes das que se poden atopar a outros niveis. Pero, con todo, aínda falta un compromiso máis nidio e o valor de comunicar socialmente que o Peak Oil está aí e que nos está comezando a afectar, dunha maneira que se vai intensificar aceleradamente nos anos que temos por diante ata dar como resultado un modelo de sociedade totalmente diferente. Así, no programa falan de “a situación económica actual, caracterizada por unha profunda crise económica e financeira”, sen recoñecer que é unha crise terminal que debe desembocar —coa guía e colaboración das institucións públicas— noutro modelo socioeconómico pospetróleo e, polo tanto, postindustrial e poscrecemento.
Algunhas medidas que se inclúen no seu programa parecen encaixar dificilmente cunha concepción clara e coherente do que significa o fin da Era do Petróleo (p.ex. “Xestionaremos a creación de prazas de aparcamento no Milladoiro e Bertamiráns” ou “Apostamos, a mesmo tempo, polo comercio e hostalería local como sectores básicos da estrutura económica do noso concello”, sen atender suficientemente a importancia da produción primaria: agrícola, gandeira, forestal… base das economías preindustriais e postindustriais). Tamén atopamos algunha lamentable aposta pola continuidade do business-as-usual mediante as falsas solucións do capitalismo-industrialismo verde: “Fomentaremos o uso de vehículos que sexan respectables co medio ambiente. Para elo, promoveremos unha bonificación de ata o 75% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para aqueles vehículos de motor eléctrico, alimentados por baterías, e/ou emisións nulas e dun 60% para aqueles considerados híbridos.” Con todo, alédanos comprobar que se vai prescindindo de certos mantras como o do crecemento económico, que xa non aparece —polo menos expresamente— no programa electoral.
A partir deste documento, procederemos hoxe a actualizar a sección de Ames no wiki Municipios.Pospetroleo.com á espera de avaliar o programa de Pacto x Ames e o de Ames Novo ao longo desta semana que resta ata as eleccións do domingo.