Xabier Vázquez Pumariño con Manuel Casal Lodeiro, e María Goiriz.

Programa 146. Análise dos programas electorais para o 18 de febreiro (Vivirmos nun mundo finito)

Xabier Vázquez Pumariño con Manuel Casal Lodeiro, e María Goiriz.Programa nº 146, 12/02/24: “Análise dos programas electorais para o 18 de febreiro”. Conversa con María Goiriz, de Rebelión Científica, Xabier Vázquez Pumariño e Manuel Casal Lodeiro. Música: Serj Tankian. [Escoitalo en AmesRadio.gal Ames Radio podcast]


Dado que o tempo da conversa non chegou a nada, e quedaron temas importantes por comentar, convidamos a Xabier e María a enviarnos algúns comentarios máis por escrito, mais lamentablemente, non puideron facelo. Xa que logo a continuación incluímos algúns apuntamentos apenas do coordinador do programa:

Manuel Casal Lodeiro:

[Nos programas electorais] non aparece o escenario totalmente previsible de que Galiza se convirta en lugar de recepción de centos de milleiros ou mesmo millóns de persoas que busquen refuxio climático nos vindeiros anos e décadas no noso país. Ningún partido propón planificar isto e todos van deixar que sexa o Deus Mercado quen regule esta inmigración de xente que fuxe das secas e das ondas de calor noutras partes da Iberia ou noutros países, á nosa aínda húmida e vivible terra.

[…]

No tema directamente enerxético, comentarei algunhas cousas que vin nos programas publicados. Vou comezar polo de Sumar, porque me parece especialmente rechamante nunha formación que contou co asesoramento nada menos que de Yayo Herrero cando botou a andar o proxecto, e que nin fixeron caso das súas achegas no programa para as eleccións españolas e no caso das galegas… pois, en fin, abonda con ler o que propoñen no punto “297.Descarbonización e despetrolización: Electrificaremos a nosa demanda como medio de abandono dos combustibles fósiles e a enerxía de fontes contaminantes. Buscaremos a electrificación mediante enerxía 100% renovable como obxectivo final. Mediante a enerxía eléctrica, Galicia poderá ser autosuficiente en recursos enerxéticos cando a substitución do petróleo nos medios de transporte e no ámbito doméstico se faga efectiva.” Como me dixo un economista cando leu isto… seica en Sumar non saben nin sumar? Pensan que é viable a total electrificación da nosa economía! Non sei con qué recursos minerais, xa que os científicos non se cansan de dicir que non chegan para facer isto a nivel de todo o mundo. Será que queren que acaparemos minerais e privemos deles a outros pobos? E falan de eliminar o petróleo, mais ¿que pasa co gas natural? Alguén fixo contas? Alguén pensou en que non todos os usos dos combustibles fósiles non son electrificables? Que facemos con toda a petroquímica, por exemplo? Non só non fan estas contas senón que ignoran a xente de ciencia que si que as fai e que llelas presenta. [No debate a 5 na TVG, Marta Lois dixo que o “cambio climático” era unha “oportunidade”, e mencionou o seu “acordo pola reindustrialización de Compostela”, parte de mencionar unha suposta “revolución verde”, nome de estarrecedores ecos para o mundo do agro.] No seu programa amosan unha clara aposta por continuar co crecemento económico que nos está a levar ao abismo: abonde ler as mencións “…en favor dos sectores que ofrezan mellores perspectivas de crecemento económico”, un “Fondo de Compensanción Territorial… para impulsar un maior crecemento”, por exemplo.]

[…]

Por outra banda o BNG segue erre-que-erre co do “papel produtor de Galiza” no campo enerxético, como se non fósemos netamente deficitarios en enerxía. Eles co seu mito e insistindo no que chaman “novo modelo enerxético ao servizo do país e da maioría social” porque seica “As mudanzas na xeración e no consumo de enerxía representan para Galiza enormes riscos por mor de decisións que son tomadas de costas aos intereses galegos e para favorecer o lavado de cara verde de grandes intereses económicos”, como se eses fosen os únicos problemas e non un declive enerxético inexorable, a insuficiencia das mal chamadas renovables para supliren as fósiles, e a necesidade climática e ecolóxica de frear urxentemente as emisións implícitas en todo crecemento económico. Semella que para eles o único problema é que as decisións as toman en Madrid e nos despachos das grandes eléctricas. [No debate na TVG, Ana Pontón avogaba por unha “tarifa máis barata para persoas e empresas”, “eólica non así: ao servizo das empresas”, dando a impresión de que só lle importa a servizo de quen e non o como nin o que.] Claro que o que propoñen eles e outros partidos dun control público e democrático da enerxía é xusto e necesario… pero de pouco serverá se seguimos apostando como fan eles pola “expansión renovable”, cando eles mesmos recoñecen que en electricidade si que somos “excendentarios”… Daquela, se nos sobra, para qué poñer máis eólicos?!? E tamén reclaman no seu programa “declarar o litoral galego como espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños offshore“, o cal está moi ben e atende as demandas do sector pesqueiro… pero ao mesmo tempo queren potenciar que eses parques se fabriquen en Galiza, obviamente para ir instalar noutros países o que nós non queremos aquí. E tamén falan dunha “modernización” para a “descarbonización” de numerosos sectores da economía, esquecendo que precisamente a modernización o que implicou foi a dependencia dos combustibles fósiles e que antes da modernización, o noso país funcionaba de maneira moi “descarbonizada”, e abonda poñer o exemplo da nosa flota pesqueira, perfectamente descarbonizada antes da motorización a gasoil. Non abandonan os habituais e irracionais mitos progresistas, de que todo o moderno é por definición mellor. Polo demais, o seu apoio á descentralización da produción de enerxía, ás comunidades enerxéticas, o autoconsumo, etc. semella moi válido, aínda que debería ir acompañado, por resiliencia, da planificación de redes tamén locais de distribución de electricidade. E os aproveitamentos non eléctricos das enerxías renovables que reclaman xente coma Antonio Turiel ou Luis González Reyes, non aparecen por ningures, será porque non lles parece moderno algo que non sexa eléctrico… E tampouco aparece nada relativo ao impulso da autoprodución de combustibles líquidos para o sector agrícola, máis ben parece que ao contrario queren limitar “os cultivos enerxéticos”. Que pensan que vai pasar co noso agro cando o gasóleo sexa aínda máis proibitivo do que agora, e despois directamente non haxa subministro suficiente?

En canto ao PP, excuso analizar o que propoñen en materia enerxética, porque xa o estivemos a ver todos estes anos… E o seu programa o que ofrece é máis do mesmo: se non queremos caldo, pois dúas cuncas! O único que chama a atención é que queren substituír o galipó das estradas por asfalto de orixe vexetal ou reciclado e falan de “ecoestradas”. Mais non explican de qué tipo de material, a qué custo enerxético nin qué prazos poñen… Nin qué coches fan circular por elas cando xa non haxa apenas gasolina nin coches eléctricos. Ah, e unha nova empresa chamada “Recursos de Galicia” que supostamente vai facer que a electricidade lles saia de balde ás persoas das zonas afectadas por eólicos, por exemplo.

A número 1 da candidatura de Podemos amosou no debate na TVG estar moi lonxe do tímido avance cara ao Decrecemento que apuntan os documentos non hai moito aprobados pola formación a nivel estatal. Así, as súas mencións de que “a eólica é sustentable e de futuro”… “si pero non así”, “salvar Alcoa, mediante a intervención: non pode caer Alcoa”, “temos superprodución”, “industrialización agraria e pesqueira”, “fortalecer a industria”, etc. Polo menos coincide co resto de forzas de esquera en defender unha “empresa pública enerxética”.

[…]

Gostaríame agora fixarme nalgo no que levamos insistindo tanto desde o Instituto Resiliencia coma desde Véspera de Nada nas propostas políticas que fomos publicando desde hai polo menos unha década: a necesaria reagrarización do país e o retorno ao rural. Neste sentido é revelador que durante a precampaña, escoitamos tanto ao PSOE [e no debate da TVG, a Besteiro: “podemos crecer máis”, “crecemento intelixente”, “reindustrializar”, “levar a industria ao rural”, “apostar pola industria e pola enerxía”, “Galicia é un territorio enerxético”] coma ao Bloque falar de incrementar nun 8% a participación do noso sector industrial no PIB galego. Se miramos no programa do BNG veremos que queren que medre do 15% ao 23% no 2030 (aínda que outras fontes din que estamos xa case no 18%). “Poñer o país a producir”, pero o que??? [no debate, Pontón: “axilizar solo empresarial”… non agrario.] Non sei con qué enerxías pensan soster industrias que son dependentes na súa práctica totalidade dos combustibles fósiles, e que para moitas é inviable a súa electrificación. Convíñalles, se cadra, un repaso á historia para comprender que a industria, tal e coma hoxe a coñecemos, nace cos combustibles fósiles e morrerá con ela, polo menos nas súas dimensións e características actuais …Ou que o 43% de exportacións do que depende o noso PIB é inviable sen os combustibles para trasporte. Non parecen dispostos a asumir unha reagrarización do país, aínda que apostan en teoría pola “bioeconomía” e pola “economía circular” e o único sector potencialmente circular é o agroecolóxico, como xa teñen apuntado diversos autores. A min preocuparíame máis aumentar a produción alimentaria do país, xa que aí só nos autoabastecemos nun 50%, e non facer medrar a industria, a verdade… Que sen aluminio podemos vivir, mais non sen comida! Mais isto está traxicamente ausente nos programas electorais.

[…]

Finalmente, procurei polo concepto de “resiliencia” nos programas e achei algunhas cousas interesantes. O PP fala de “O deseño do anteproxecto de Lei do clima de Galicia, que vai elevar a rango legal en Galicia a neutralidade climática” e acto seguido de “A creación da oficina técnica de Galicia Resiliente para acompañar a todos os actores galegos no seu camiño cara a neutralidade climática”. O da “neutralidade climática” (seica xa para dentro de 16 anos!) sen decrecer no PIB é imposible, mais alén diso polo menos é positivo que vencellen “resiliencia” e “clima”… aínda que habería que ver esa oficina que funcións concretas tería e qué poderes, aparte de que é urxentísimo reconstruirmos a resiliencia non só fronte ao caos climático que temos enriba, senón fronte ao declive enerxético, futuras pandemias, e outras ameazas de primeiro nível. Aí eles falan tamén de “resiliencia fronte a emerxencias e catástrofes”, resiliencia fronte a incendios, da produción de mexilla, etc. etc. É moi rechamante que o concepto resiliente/resiliencia apareza nada menos ca dezasete veces no programa do PP! Sorprendeume que p.ex. falen do cooperativismo como “modelo social” moi superior en resiliencia! …Aínda que despois é para chorar que a súa vía para aumentar a resiliencia das explotacións gandeiras sexa incrementar a produción industrial de pensos!

Por contra, no programa de Sumar aparece o concepto de resiliencia/resiliente apenas 4 veces, e só vencellado a clima e a economía social. No do Bloque, apenas 3 mencións, sobre vivenda e incendios.

Dous anos sen avances municipais para preparar Ames para o devalar enerxético

O pasado xoves 23 de marzo puidemos asistir no Milladoiro ao pleno municipal da corporación de Ames convocado para facer balance ante a cidadanía dos primeiros 22 meses de goberno municipal tripartito PSOE-BNG-ContigoPódese. Nas dúas primeiras horas (non puidemos asistir á parte final do pleno) comprobamos que a preparación de Ames, o seu concello e a súa veciñanza para o final da Era da enerxía fósil estivo completamente ausente do que alí se expuxo e debatiu. De facto, apenas si houbo algunhas escasas mencións puntuais a cuestións relacionadas coa enerxía. Os representantes do goberno municipal defenderon que o seu goberno non fora en absoluto “continuísta” co anterior goberno (PP), mais no que atinxe ás medidas expostas nada nos leva a pensar que estean a ter en conta o Peak Oil e mais o proceso de crise terminal da nosa civilización ao que este nos aboca. Xa que logo, si que hai un considerable “continuísmo”, polo menos no que toca a este tema tan trascendental e que tanto vai afectar (está afectando xa, en forma de crise económica, paro, etc.) ás persoas que vivimos en Ames. O goberno anterior tampouco podería alegar total descoñecemento, pois o concelleiro Bernardo Moar recibira en 2012 documentos suficientes para comprender a gravidade da situación e a necesidade de actuar. Mais este goberno é o primeiro que ten un coñecemento amplo da cuestión e que fixo acuse de recibo das advertencias que lle presentamos as persoas que divulgamos e facemos activismo sobre a cuestión.

Certo é que este goberno municipal fixo no ano 2016 algo moi concreto neste sentido, e que non podemos deixar de lle recoñecer: apoiar a difusión que desde a nosa asociación, Ames Pospetróleo, fixemos do problema con senllas presentacións públicas en Bertamiráns e no Milladoiro do tema do Peak Oil, coa emisión nas respeitivas casas da cultura, do documental Non hai mañá, con presenza do alcalde José Miñones e diversos membros do goberno municipal, así como de Ames Novo. Porén, semella ter quedado todo aí. Non negamos que certas medidas das que se explicaron onte poidan ser útiles para preparar a veciñanza e a propia entidade municipal ante o devalar enerxético en cuxas primeiras fases nos achamos inmersos, como poden ser: bonificacións do IBI para persoas que instalen sistemas de captación de enerxías renovables nos seus fogares, ou a contratación (moi parcial, polo que coñecemos) do subministro eléctrico coa cooperativa galega de renovables Nosa Enerxía. Mais son, claramente, medidas insuficientes, illadas e que non se están a tomar precisamente dentro dunha estratexia firme, trasversal e convencida, para afrontar a radical trasformación social que require a consciencia de que este modelo civilizatorio baseado no petróleo (e outras enerxías finitas) chega á súa fin e de que cómpre urxente e profundamente actuar desde os poderes públicos para preparar o novo modelo máis local, máis resiliente e menos consumidor de enerxía e materiais. Outras medidas das que está a pór o Concello en marcha como o saneamento das contas públicas, a redución dos custos financeiros, os comedores escolares baseados en alimentos de proximidade, etc. así como outros que non se mencionaron onte, pero que coñecemos, como a ampliación das hortas urbanas ou a prohibición dos praguicidas, ou a creación dunha moeda local (disimulada baixo a forma de puntos para gastar nos comercios cando se entregan residuos nos Puntos Limpos) recoñecemos que teñen utilidade neste camiño e alédanos que se manteñan ou se realicen avances nesas direccións. Porén, son tan escasos, tan tímidos e inconexos que non podemos recoñecer neles unha estratexia definida e seria de preparación social para o colapso da civilización industrial, para a fin do petróleo nin para a fin do crecemento económico.

Tampouco vimos nestas dúas primeiras horas do pleno realizado no Milladoiro que a oposición lle reclamase ao goberno esta ausencia de planificación para o devalar enerxético, malia ter constancia de que, polo menos boa parte dela (Ames Novo e Pacto x Ames), son perfectamente conscientes da existencia do problema, polos contactos realizados pola nosa asociación durante a campaña electoral previa ás últimas eleccións municipais. Semella que nin os membros do goberno nin da oposición queren facer uso desa consciencia do problema para promover actuacións expresamente destinadas a preparar a cidadanía. Será que se coñece pero que non se considera unha prioridade? Será que se pretende actuar dalgunha maneira sutil e disimulada, baixo o radar, sen lanzar unha mensaxe difícil de aceptar pola cidadanía, polo que de descoñecido ten o problema e por non seren os augafestas que lle poñan o axóuxere ao gato? A día de hoxe descoñecemos o motivo.

Coidamos, en calquera caso, que aínda está a tempo este goberno (e mais a oposición que queira ser construtiva e estar á altura do grave momento histórico que vive non só Ames senón o mundo enteiro), de tomar as medidas precisas. Sería especialmente importante reaccionar antes de que os impactos máis visibles do devalar do petróleo se fixeren presentes entre a cidadanía amesá, como serán os desabastecementos enerxéticos, de alimentos ou de outras materias de primeira necesidade, algo que analistas de prestixio internacional como Antonio Turiel sitúan probablemente nos vindeiros anos, é dicir no noso futuro inmediato. Esperemos que este goberno non crea que non lles vai tocar a eles, e que pensen que segan ou non a gobernar eles de aquí a 3 anos, é o seu deber moral como responsables públicos, tomar xa as medidas precisas (e non apenas algúns xestos inconexos) para evitar as peores consecuencias deste colapso aos seus conveciños e conveciñas. Unha destas oportunidades que semellan aínda estar abertas ten que ver co Plan de Emerxencias mencionado onte no pleno polo alcalde. Será que poderán incluír nel un plan específico de continxencia ante un desabastecemento enerxético que tarde ou cedo ha bater tamén no noso concello? Porque lembremos que Ames non ten petróleo de seu, e que é totalmente dependente do exterior nos combustibles que moven vehículos públicos e privados, e numerosa maquinaria de uso municipal e empresarial, e outras substancias derivadas del. Por non falar da dependencia e falta de resiliencia noutros aspectos enerxéticos (como o fornecemento de electricidade) e non enerxéticos.

As medidas que lle reclamamos ao goberno do noso municipio (e que foran recollidas en http://ames.pospetroleo.com, algunhas das cales os propios grupos que forman parte do goberno se comprometeron en campaña electoral a incorporar á súa acción de goberno, son medidas factibles e en moitos casos pouco custosas en termos económicos. É agora, cando se están a negociar e aínda non se presentaron a aprobación, os orzamentos municipais, cando se ten que demostrar con feitos e con partidas orzamentarias que se van tomar medidas claras e contundentes para camiñar cara a un Ames que non dependa dos combustibles fósiles. Porque non facelo sería agachar a cabeza diante un problema que está aí, que os representantes de PSdeG, BNG e Contigo Pódese saben que está aí, e que non por non ollar para el vai deixar de ter un impacto demoledor sobre a normalidade da vida en Ames.

Animamos, xa que logo, ao goberno municipal a actuar xa, por medio destas liñas de actuación orzamentaria e mais do Plan de Emerxencias municipal, así como doutras que aínda dá tempo a abrir na segunda metade do seu mandato. Consolídense as medidas xa en marcha que poidan ter utilidade e íntegrense con outras máis específicas. Explíquese á cidadanía o valor que teñen para prepararnos para o devalo enerxético e para a mudanza climática, que tamén en Ames nos está a afectar cada ano con máis forza. Contan con argumentos de sobra, co noso decidido apoio e colaboración, e seguramente co das forzas da oposición máis responsables. E fáganno tamén abrindo á participación da cidadanía todas estas medidas; se son quen de promover o coñecemento do grave momento histórico ante o que estamos, a xente saberá comprender o que debe ser feito e poderán apoiar todas estas medidas que desde a nosa pequena organización lles reclamamos e mesmo propór outras que nazan da iniciativa veciñal.

É hora de estarmos todos á altura desta grave situación.

Celebrouse o 1º acto de presentación de Ames Pospetróleo en Bertamiráns

Foto: Ames Pospetróleo

Foto: Ames Pospetróleo

O pasado sábado 4 de xuño pola maña, unhas corenta persoas acudiron á Casa da Cultura de Bertamiráns para asistir á presentación da asociación Ames Pospetróleo.

O acto foi presentado pola xornalista Rebeca Fernández Hermo, e contamos coa participación de Xoán Doldán, vicepresidente da asociación Véspera de Nada e profesor de economía aplicada na USC.

Abriuse o acto coa proxección do documental Non hai mañá, de Dermot O’Connor, e tras a intervención de Xoan Doldán, que falou brevemente da asociación Véspera de Nada e da Guía para o descenso enerxético, achegando tamén unhas maxistrais explicacións sobre a situación actual da economía en relación ao devalar enerxetico, foi a quenda de Emilio Román Leis, presidente de Ames Pospetróleo, quen falou ao público asistente acerca da orixe, fins e actividades da asociación.

Rebeca Hermo, Xoán Doldán e Emilio Román. FOTO: Ames Pospetróleo.

Rebeca Hermo, Xoán Doldán e Emilio Román. FOTO: Ames Pospetróleo.

Tras as presentacións, comezou unha animada quenda de intervencións do público asistente, que fixo numerosas preguntas e observacións acerca de cuestións relacionadas co Teito do Petróleo, as súas consecuencias e as accións que desenvolver para tratar de paliar os seus efectos; cuestións que trataron dende a dificultade de facer divulgación do problema —e mesmo de falar del con amigos, familiares ou compañeiros de traballo— pasando por distintas estratexias para facer fronte ao problema, cuestións arredor do capitalismo, o crecemento e o decrecemento, a discusión dos efectos que poidan ter cuestións como a eficiencia enerxética ou mesmo o impacto presente e futuro da robótica no mercado de traballo. Nas intervencións foi salientable a participación dun grupo de rapazas e rapaces do Instituto de Bertamiráns.

Capa do informe 'Límites revisitado', do Parlamento Británico (trad. de Véspera de Nada).

Capa do informe ‘Límites revisitado’, do Parlamento Británico (trad. de Véspera de Nada).

Malia que o alcalde de Ames —ao que lle iamos entregar unha copia de Límites Revisitados, informe sobre os límites do crecemento elaborado por un grupo interpartidista do parlamento británico recentemente traducido por Véspera de Nada— non puido acudir ao acto, entre o público asistente atopábanse dúas integrantes do goberno municipal: a concelleira de Economía e Facenda Genma Otero (Contigo Pódese) e a concelleira de Normalización Lingüística e Comunicación Isabel Vaquero (BNG); tamén asistiu, por parte da oposición, Chus Boo (Ames Novo).

Tanto Isabel Vaquero como Genma Otero interviron amosando o seu interese pola cuestión do Peak Oil, celebrando a posta en andamento da nova asociación Ames Pospetróleo e falando das accións que se están levando a cabo por parte do goberno municipal que poden ter algún efecto sobre as súas consecuencias: salientaron particularmente a auditoría enerxética e a substitución progresiva dos puntos de luz do concello, así como as accións desenvolvidas e os proxectos en marcha en relación coas hortas urbanas —este último punto foi concretado pola responsable municipal da Aula de Natureza, tamén presente no acto—. Tamén coincidiron en resaltar os atrancos e dificultades que presenta a lexislación vixente para tomar medidas que poderían ir na boa dirección, mencionando particularmente a dificultade de introducir cláusulas sociais (ou ecolóxicas) na contratación municipal, ou primar nesta ás cooperativas (de enerxía p.ex.) fronte a outras empresas.

Tamén manifestaron o seu interese por coñecer iniciativas pospetróleo e de Cidades en Transición que se estean levando a cabo noutros concellos; nese senso, Xoan Doldán aproveitou para convidalas á Xuntanza Ibérica de Iniciativas Decrecentistas que será organizada pola asociación Véspera de Nada neste ano con data e lugar por concretar.

Recoñecendo igualmente a importancia da divulgación para concienciar á poboación do problema e as súas consecuencias, convidaron a Ames Pospetróleo a proxectar o documental nos institutos de Ames, actividade que entra directamente nos obxectivos da nosa asociación e que estaremos encantados de levar a cabo. Tamén se amosaron dispostos a manter reunións para estudar a aplicación nas diversas áreas de competencia municipal das medidas propostas e que xa publicáramos de forma previa ás últimas eleccións municipais no wiki de Municipios.Pospetroleo.com.

En conxunto, unha xornada satisfactoria que agardamos repetir o vindeiro venres 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 h. Como entidade que aposta por reducir a necesidade do transporte, quixemos ofrecer ás veciñas e veciños dos dous núcleos urbáns de Ames a posibilidade de asistir á nosa presentación sen ter que facer uso do vehículo privado, e de aí que fagamos senllos actos en cada un deles. Convidamos a todas as persoas interesadas en coñecer como o descenso enerxético vai condicionar as nosas vidas en Ames, a asistir á nova proxección do documental e posteriores presentacións e debate.

Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do PSdeG-PSOE para Ames

Socialistas de Ames (PSdeG-PSOE)A final da pasada semana o grupo municipal do PSdeG-PSOE fíxonos chegar un documento no que se detallan cales das medidas que lles propuxéramos na nosa xuntanza de marzo decidiron asumir e incorporar ao seu programa de goberno. Incidindo no que xa nos expresaran daquela, eles consideran que moitas delas encaixan perfectamente con medidas que xa aplicaran nos 8 anos que estiveran no goberno do Concello (2003-2011), e así nolo explican na primeira parte do documento que citamos a continuación. Segundo explican, “algunhas delas durante estes tres últimos anos deixaron de realizarse e ficaron esquecidas no caixón do goberno do PP; e, está claro, tamén, que se poden continuar, reforzar, e complementar”:

Economía e goberno local

  • EO4: RECUPERACIÓN DOS MERCADOS LOCAIS DE ALIMENTOS: “Promovemos feiras e mercados locais a través do mercadillo de Bertamiráns; a través de Amorodo con productores locais introducidos en canles de distribución dos seus produtos: no mercadillo mesmo e coa rede de cestas; mercados puntuais en diferentes festas como a da Naturaza.”
  • E08: PROGRAMA DE NOVAS EMPRESAS SUSTENTABLES: “Estimulábase e apoiábase o emprendemento a través do servizo de asesoramento e das ILES. Aínda que para ser ILE non se tiñan en conta criterios de sustentabilidade relativos ao petroleo.” Na nosa opinión esta medida só ten sentido se se aplican precisamente eses criterios: non se trata de apoiar a creación de calquera tipo de empresa, senón de empresas que sexan sustentables nun contexto de devalar enerxético, que non dependan de insumos derivados do petróleo e que axuden á resiliencia do municipio.
  • E10: REORIENTACIÓN DE EMPRESAS PARA O CONSUMO LOCAL: “A través de todas as campañas de fomento do consumo local.” É importante, pero fomentar o consumo local non é o mesmo ca fomentar que as empresas se reorienten cara ese consumo: unha vía traballa desde o punto de vista da demanda, e a outra, desde o da oferta.
  • E14: PROGRAMA DE APOIO AO COMERCIO E Á DISTRIBUCIÓN LOCAL: “Viñemos reforzando o comercio de proximidade a través de Amorodo, non so co punto de venta onde estaban os productores senon co sistema de cestas —rede local de suministro— onde eran coñecidos polos consumidores. Tamén a través de todas as campañas de promoción do comercio local: Guía de Compras, Rede Calidade en Galego, animación na rúa ca chegada do bo tempo: Animación do Comercio na Rúa, Campañas Navideñas, etc).”
  • E15: PROMOCIÓN DA PRODUCCIÓN LOCAL DE ALIMENTOS: “A través de Amorodo estimulabase e axudabase á producción local.” É un bo referente, pero claramente insuficiente. Precisa ser ampliada a súa escala ata aproximarnos ao obxectivo de que a maior parte dos alimentos consumidos por toda a poboación de Ames procedan do propio concello ou da bisbarra.
  • E21: BANCO DE TEMPO MUNICIPAL: “En Servizos Sociais puxérase en marcha.”
  • E22: PROMOVER FEIRAS DE TROCO: “Celébrabamos 1 ao ano, cada edición con máis éxito.”
  • E24: FORMACIÓN PROFESIONAL POSPETRÓLEO: “Fomentamos a integración de persoas desempregasdas mediante obradoiro con novo oficio de instalador de enerxía solar térmica.” Semella algo moi insuficiente: existen moitas outras profesións que cómpre recuperar para un novo xeito de vida pospetróleo.
  • E25: APOIO AO CONSUMO DE ALIMENTOS LOCAIS: “Apoiamos ás redes locais de distribución de alimentos, creándoas de cero (posto mercadillo + sistema cesas) e dotandoas de diferentes axudas: PDA por exemplo para que o sistema de cestas fose máis áxil e doado; novos investimentos no mercadillo xa existente). Tamén a través de campañas de fomento consumo local.” Precisa ser ampliado en escala para apoiar a medida inseparable da promoción da produción local de alimentos.
  • E26: PLAN DE COMPRAS MUNICIPAL EN PROXIMIDADE: “É algo que se viña facendo a nivel de todo o concello: comedores escolares que mercan a Amorodo, supermercados, panaderías e tendas locais; noutros departamentos tamén cos servicios contratados priorizando en igualdade de oferta e prezo os que fosen do concello; etc).”
  • E27: PLAN DE DESCENTRALIZACIÓN ADMINISTRATIVA: “Posta en marcha da administración electrónica, etc.”

Urbanismo e hábitat

  • U01: PROMOCIÓN DA HORTICULTURA URBANA.
  • U02: HORTAS URBANAS COMUNITARIAS.
  • U02: RECUPERACIÓN DE HORTAS.
  • U09: PROMOCIÓN DA ARQUITECTURA BIOCLIMÁTICA: “A Aula da Natureza pretendía ser un lugar común para todos, pero tamén un espazo de educación ambiental, onde o propio edificio predicase co exemplo. Así, na restauración tivose en conta este tipo de arquitectura, no tocante a: ventilación, emprego de materiais, reutilización de augas grises, emprego de enerxías renovables dende un punto de vista eficiente e real a nivel de vivenda unifamiliar. A idea foi incidir neste campo a través das diferentes campañas / accións de educación ambiental que viñamos facendo xa dende a aula.”
  • U12: PROGRAMA DE AMPLIACIÓN DE ESPAZOS VERDES: “Programa e proposta O Milladoiro que está por ver…”
  • U11: REFORMA DOS EDIFICIOS MUNICIPAIS PARA O AFORRO ENERXÉTICO: “Antes de acometer o obradoiro fixose un estudo de TODOS os edificios municipais para ver aqueles susceptibles de instalar os paneis de enerxía solar térmica. Tíñano todos os que o podían ter, e no resto foron instaladas diferentes medidas de aforro energético a través de luminarias, etc. Está recollido o aforro ecónomico e o CO2 que o concello evita anualmente. Posteriormente fixose unha auditoría energética do INEGA para ver outras alternativas de aforro enerxético.”

Transporte

  • T10: CAMPAÑA PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCIÓN: “Medida incluida dentro da campaña OFICINAS E FOGARES SOSTIBLES. A idea era mandar tamén ao persoal do concello a facer os cursos de conducción eficiente, eran gratuitos. Unha vez feito o folleto base con todas as medidas a idea era periódicamente facer campañas mais intensivas de cada apartado: tóner, papel, luz, vehículos, etc.”

Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras

Aparte disto no que xa afirman teren traballado, comprométense a levar a cabo estoutras medidas novas de entre as incluídas na nosa proposta:

Economía e goberno local

Urbanismo e hábitat

  • U04: PLAN PARA A MELLORA ENERXÉTICA DAS VIVENDAS.
  • U05: PROGRAMA PARA A XERACIÓN ELÉCTRICA EN EDIFICIOS: “Fomentando mediante algunha exención.”
  • UO8: PROGRAMA DE ESPAZOS VERDES PRODUCTIVOS: “Aínda que esta funcionalidade xa a recollen as hortas urbanas.” Non de todo, pois do que se fala aquí é de reconcebir os espazos verdes como zonas de produción de alimentos e outros produtos naturais de utilidade.
  • U15: PROMOVER A RETIRADA DE AMIANTO NAS CONSTRUCIÓNS: “Dentro de esta medida non todo é viable, pero sí se poden considerar das opcións propostas como a exención de tasas, seguir perseguindo os verquidos ilegais e facer unha campaña de concienciación.” Lamentamos que non se considere viable axudar a eliminar o antes posible un potente carcinóxeno que está presente de maneira ubicua no noso hábitat, precisamente porque as administracións públicas o viñeron favorecendo e permitindo historicamente. Consideramos un deber das propias administracións constribuír á súa eliminación dunha maneira segura antes de que se careza dos recursos e infraestruturas precisas para realizalo masivamente e con seguridade. Con todo, a aposta que fai o PSdeG resulta valiosa.

Transporte

Fiscalidade

Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras

Rematan o seu documento cun agradecemento: “Antes de rematar, agradecer o voso completo e fantástico traballo, e a animarvos a que continuedes coa vosa labor porque é necesario que existan personas que nos conciencien da necesidade de pensar no futuro.” Nós tamén lles agradecemos que se tomaran a molestia de nos enviar un documento específico avaliando as medidas unha a unha, o cal nos facilita moito a súa comunicación e a análise de ata qué punto asumiron a nosa mensaxe e propostas para un Ames preparado para a nova Era Pospetróleo.

Avaliamos moi positivamente que se recoñeza a importancia deste tipo de propostas e que se asuma un bo feixe de medidas novas, aínda que non concordemos en que haxa tanto aproveitable do feito nos anteriores gobernos PSdeG e PSdeG-BNG que houbo no concello. Si que poden ser puntos de partida interesantes que retomar, pero sen dúbida hai que ampliar moito o seu alcance e poñelos nun contexto marco de preparación para a fin do petróleo. É dicir, claro que hai cousas moi válidas no feito antes, pero agora cómpre reorientar e poñer nun maior valor e urxencia moitas desas medidas, integrándoas entre si moito máis, potenciando a súa utilidade como vías para a resiliencia local. Neste sentido achamos en falta que se asuman algunhas das medidas que máis claramente poderían contribuír a esta integración e á comunicación da importancia e urxencia social do que se pensa facer para preparar o concello para a fin do petróleo como son algunhas do apartado de Medidas xerais e de concienciación: Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo; Creación da imaxe marco para todas as medidas municipais pospetróleo; Campaña de difusión mediática local das medidas pospetróleo; Declaración de adscrición ás Cidades en Transición; etc.

É dicir, semella que o PSdeG-PSOE de Ames quere avanzar nesta dirección pero dunha maneira moi discreta, con medidas que publicamente non se vencellen entre si, e sen comunicar dunha maneira forte, aberta e decidida que se vai traballar para afrontar o problema do Peak Oil (p.ex. no programa que se pode consultar no web do candidato ou en versión PDF no web da agrupación local do partido, non aparecen estas cuestións que si nos fixeron chegar en comunicación privada). Este documento que nos fixeron chegar é, sen dúbida, un paso importante para unha formación como o PSdeG-PSOE que demostra que a nivel local este partido amosa un recoñecemento e disposición meirandes das que se poden atopar a outros niveis. Pero, con todo, aínda falta un compromiso máis nidio e o valor de comunicar socialmente que o Peak Oil está aí e que nos está comezando a afectar, dunha maneira que se vai intensificar aceleradamente nos anos que temos por diante ata dar como resultado un modelo de sociedade totalmente diferente. Así, no programa falan de “a situación económica actual, caracterizada por unha profunda crise económica e financeira”, sen recoñecer que é unha crise terminal que debe desembocar —coa guía e colaboración das institucións públicas— noutro modelo socioeconómico pospetróleo e, polo tanto, postindustrial e poscrecemento.

Algunhas medidas que se inclúen no seu programa parecen encaixar dificilmente cunha concepción clara e coherente do que significa o fin da Era do Petróleo (p.ex. “Xestionaremos a creación de prazas de aparcamento no Milladoiro e Bertamiráns” ou “Apostamos, a mesmo tempo, polo comercio e hostalería local como sectores básicos da estrutura económica do noso concello”, sen atender suficientemente a importancia da produción primaria: agrícola, gandeira, forestal… base das economías preindustriais e postindustriais). Tamén atopamos algunha lamentable aposta pola continuidade do business-as-usual mediante as falsas solucións do capitalismo-industrialismo verde: “Fomentaremos o uso de vehículos que sexan respectables co medio ambiente. Para elo, promoveremos unha bonificación de ata o 75% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para aqueles vehículos de motor eléctrico, alimentados por baterías, e/ou emisións nulas e dun 60% para aqueles considerados híbridos.” Con todo, alédanos comprobar que se vai prescindindo de certos mantras como o do crecemento económico, que xa non aparece —polo menos expresamente— no programa electoral.

A partir deste documento, procederemos hoxe a actualizar a sección de Ames no wiki Municipios.Pospetroleo.com á espera de avaliar o programa de Pacto x Ames e o de Ames Novo ao longo desta semana que resta ata as eleccións do domingo.

Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do BNG para Ames (Somos Ames)

Esta fin de semana fixéronnos chegar os documentos programáticos aprobados pola asemblea do BNG de Ames, que aínda que poderán ser ampliados e matizados —tal e como nos explicou Isabel Vaquero—, podemos tomar xa como mostra de en qué medida incorporan as propostas que lles fixéramos desde Ames Pospetróleo na nosa xuntanza do mes pasado.

Ao longo dos 5 documentos nos que dividen as medidas que conforman a base do programa da candidatura nacionalista Somos Ames, podemos atopar as seguintes medidas directamente tomadas das nosas propostas ou, cando menos relacionadas e ás veces unidas a outras propostas ou matices que non estaban presentas na nosa proposta:

Medidas para un Ames pospetróleo no programa do BNG

No documento Ames, concello ao servizo do pobo (Un concello transparente, participativo e público, ao servizo do pobo)

  • Impulso á descentralización administrativa, facilitando ao máximo os trámites na oficina municipal do Milladoiro, alén da casa do concello, e promovendo a administración electrónica para a maioría de trámites administrativos e tributarios.
    (Cf. a medida proposta en Ames.PosPetroleo.com)
  • Impulsar acordos para empréstitos ao concello con cooperativas de crédito e entidades agrupadas na denominada “banca ética”, que reinvisten os beneficios en proxectos locais e sociais.
    Esa medida non estaba incluída entre as nosas propostas pero semella moi interesante, sobre todo polo apoio á economía local de tipo social que implica.
  • Avanzar na recuperación de servizos municipalizados, revertendo da privatización aqueles que se consideren esenciais. Estudarse como opción preferente a xestión municipal do ciclo da auga, cando remate o período do contrato actual.
    Esa medida tampouco a recolléramos nós expresamente, pero parece ben compatible e axeitada para as actuacións propostas para un Ames Pospetróleo.
  • Revisión e auditoría de todos os grandes contratos de suministros, particularmente no eido da electricidade, enerxía e, telecomunicacións. Impulso á licitación con cooperativas enerxéticas para o suministro de equipamentos públicos, e establecemento de inspeccións e controis rutineiros na aplicación das tarifas das multinacionais de servizos.
    (Cf. coa medida proposta por nós sobre empresa municipal de enerxía e cooperativas enerxéticas.)

No documento Ames, un concello para traballar

  • Elaborar un mapa de recursos produtivos locais, identificando as capacidades de produción en Ames de produtos de primeira necesidade (alimentos, enerxía, auga, etc).
    (Cf. cunha das nosas medidas.)
  • Reorientar o consumo das empresas de Ames ao consumo local, de xeito que nos procesos produtivos se atenda nun primeiro nivel a demanda de produtos e servizos xerados no concello.
    (Cf. coa medida corresponde que propoñemos.)
  • Elaborar un plan municipal de infraestruturas e servizos rurais que facilite e incentive a actividade produtiva no rural.
    Non corresponde con ningunha das nosas medidas exactamente, pero encaixa moito con varias delas.
  • Fomentar o relevo xeracional e incorporación da mocidade á agricultura facilitando o acceso a formación e a préstamos municipais, e intensificando a colaboración co Banco de Terras, entre outros.
    (Cf. coa nosa medida sobre o banco de terras.)
  • Impulsar en todo o rural a actividade vinculada á pequena transformación primaria (pequenas empresas transformadoras de alimentos) promovendo a creación de pequenas infraestruturas a nivel parroquial en espazos públicos, que permitan a transformación e conservación de alimentos producidos.
    (Cf. coa nosa medida relativa aos equipamentos parroquiais para conservación de alimentos.)
  • Apoiar a comercialización en mercados de proximidade, aumentando e mellorando os espazos dedicados en espazos públicos no Milladoiro e Bertamiráns, para a venda de alimentos locais e artesanía en mercados de proximidade de tarde-serán.
    (Cf. coa nosa medida de apoio aos mercados locais.) Tamén vai nesa liña outra das propostas de BNG-Asembleas Abertas: Potenciar os mercados de rúa, habilitación de zonas específicas para a instalación de venda de produtos locais de alimentación e artesanía, e con espazos para o troco entre a veciñanza. Emprender actuacións de dinamización, así como a avaliación da súa relocalización para que conten con máis espazo e zonas cubertas. Esta medida fai mención á nosa proposta a prol das feiras de troco.
  • Fomentar o consumo de produtos locais, especialmente mediante o apoio á creación de cooperativas de consumo.
    (Cf. con varias das nosas propostas no terro económico especialmente a que fai mención ás cooperativas de consumo ecolóxico e local.)
  • Potenciar escolas-obradoiro centradas en recuperar a artesanía local, así como oficios especializados (cantaría, carpintaría de restauración, etc.) con alta demanda no mercado laboral.
    Ben, se esa alta demanda se pensa a futuro despois do devalar dos oficios industriais (cf. coa nosa medida a prol da recuperación de oficios.)
  • Recuperar oficios que impliquen reparación, mantemento, reutilización e reciclaxe local de materiais e produtos usados. Integrar os puntos limpos do municipio con estes servizos, ofrecendo neles produtos reparados/reciclados de balde a persoas e institucións sen ánimo de lucro que o precisen.
    (Cf. cunha das nosas medidas.)
  • Apoiar na elaboración de materiais, imaxes gráficas, envases para empresas do concello, marca económica propia.
    (Aínda que o tema da marca Feito en Ames non estaba recollido expresamente nas nosas propostas, encaixa coas propostas xenéricas incluídas na Guía para o descenso enerxético.)
  • Incluír nos pregos de contratación administrativa do concello de bens, subministracións e servizos, criterios que valoren as ofertas de iniciativas empresariais locais, as condicións laborais, o carácter social, a utilización da lingua galega, a eficiencia e o aforro enerxético e o respecto co medio ambiente.
    É moi positivo que se inclúan criterios de “a eficiencia e o aforro enerxético e o respecto co medio ambiente” pero se acha de menos un criterio claro a prol da baixa dependencia do petróleo e que priorice o aforro enerxético por diante da mera eficiencia.
  • Fomento dos viveiros de empresas, prioritariamente para empresas de base tecnolóxica, spin-offs da USC, consultoras culturais e lingüísticas. Interactuar intensivamente coa USC, aproveitar a rede de investigadores, de empresas de base tecnolóxica universitaria para a súa implantación en Ames.
    A priorización da tecnoloxía en xeral, sen supeditala á sustentabilidade e á súa orientación ás necesidades propias da poboación de Ames, resulta incoherente coas medidas económicas propostas por nós. Se for o fomento das empresas de tecnoloxía apropiada e sustentable, independentes do petróleo e dos insumos importados, sería daquela moi coherente. Así, nunha medida presente neste documento xusto a continuación lese algo moito máis acaído nese sentido: Favorecer a instalación de empresas de carácter innovador e de base tecnolóxica mediante distintas medidas de promoción económica. De xeito singular, potenciaranse aquelas que promovan a mudanza tecnolóxica cara a máxima eficacia e eficiencia enerxética a menor dependencia de importacións, nun escenario de esgotamento de recurso ao petróleo. Así que nese sentido, entendidas como unha medida única, resultan coherentes coas nosas propostas (cf. coa medida de innovación empresas pospetróleo que propoñemos.)
  • Impulsar as empresas que ofrezan servizos (consultoría, enxeñaría) para a mudanza tecnolóxica das empresas, sobre todo no aforro de recursos enerxéticos e de materiais non renovábeis.
    Moi coherente coas nosas medidas, especialmente coa relativa á reconversión de empresas de cara a un futuro pospetróleo.
  • Elaborar un mapa do solo de Ames en función da súa capacidade produtiva para a agricultura e a gandería, que axude a ordenar e regular os mellores espazos para mellorar a calidade produtiva.
    (Cf. coa nosa medida a prol da produción local de alimentos.)
  • Fomentar a reorientación das empresas produtivas cara ao consumo local e as necesidades internas de Ames (nun primeiro nivel; despois da bisbarra, e finalmente, de Galiza).
    (Cf. coa nosa medida correspondente.)
  • Desde o Goberno Local termos como obxectivo estimular a actividade comercial dos principais núcleos de poboación do concello, fomentando o consumo nos establecementos comerciais de Ames por parte dos seus veciños e veciñas.
    Algo absolutamente de acordo coas nosas propostas en materia económica (cf. p.ex. coa nosa medida a prol do comercio local.) Tamén vai neste sentido a proposta de Realizar campañas institucionais para promover os comercios e os produtos locais nos concellos do noso contorno. e mais a de Contribuír ao establecemento de redes locais de suministro, favorecendo a apertura de redes comerciais locais en parroquias e urbanizacións.
  • Establecer o compromiso institucional de compra de bens e servizos nos establecementos locais.
    (Cf. a nosa medida análoga.)

No documento Ames, un concello para a igualdade

  • Estudar a creación dun banco local de alimentos.
    (Cf. a nosa medida proposta ao respecto.)
  • Crear programas de servizos (transporte, comedor ou xantar na casa, lavandaría ou mantemento da horta…) que se xestionen a nivel municipal mediante bolsas de emprego para a veciñanza.
    Non o podemos vencellar con ningunha das nosas propostas en concreto pero podería ser moi coherente con varias das nosas propostas (p.ex. a da compartición de servizos no rural) e coa filosofía que debe guiar a trasformación social de Ames para vivir ben sen petróleo.

No documento Ames, un concello para vivir

  • Na introdución ás medidas nesta área podemos ler que O obxectivo principal será o de mudar a idea dun concello dormitorio para asentar a dun concello para vivir.
    É algo que nos parece sumamente acertado e na liña das nosas propostas.
  • Iniciaremos a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, tanto para adaptalo á nova lexislación urbanística como para introducir criterios de sustentabilidade e racionalidade na xestión do territorio, e en clave post-petróleo (Peak Oil).
    É louvable unha mención expresa ao fenómeno do Peak Oil e que se poña en relación, xa na primeira das medidas, co tema urbanístico. (Cf. a nosa medida análoga.)
  • Promoción da arquitectura bioclimática, tanto en edificios públicos como de iniciativa privada.
    (Cf. coa nosa medida relacionada.)
  • Os nosos obxectivos serán a ampliación do transporte público e mellorar a súa calidade (horarios, frecuencias…), co obxectivo de facilitar a mobilidade da poboación e reducir o consumo enerxético e a contaminación. Alén diso, tamén fomentaremos novas formas de mobilidade, impulsando tanto o uso da bicicleta como os desprazamentos a pé no interior das vilas.
    Moi na liña das nosas propostas na área de transporte.
  • En xeral todas as medidas relativas ao transporte público parecen acaídas, especialmente a que propón Promover a transformación do maior número posible de vehículos municipais e de uso público para funcionaren con aceite reciclado, e promover unha rede de recollida de aceite usado doméstico, nos negocios de restauración, comedores de centros públicos e de traballo, industriais, etc. para reciclalo en plantas locais para o dito abastecemento, que foi tomada directamente das nosas propostas.
  • Execución dun plan de aforro enerxético nas instalacións municipais que evite a contaminación lumínica e estableza mecanismos de aforro.
    Corresponde cunha medida proposta por nós e resulta perfectamente coherente co conxunto das nosas propostas, e moi pertinente, aínda que a cuestión da contaminación lumínica nos parezca menor. Estoutra medida, que afonda na cuestión, tamén nos parece pertinente: Implantar progresivamente sistemas que utilicen enerxías renovables nas instalacións públicas, con medidas de porcentaxe de uso de enerxía procedente de fontes renovábeis nos edificios públicos municipais. De todos xeitos esa implantación “progresiva”, opinamos que debería ser o máis rápida posible, pois nos adentramos nun escenario de moita incerteza en canto á subministración enerxética. Tamén se propón máis adiante no mesmo documento do BNG de Ames Avogar pola instalación de dispositivos térmicos e fotovoltaicos nas instalacións municipais e fomentar entre a poboación o uso de enerxías limpas e alternativas. o cal pode encaixar tamén co espíritu das nosas propostas, sempre e cando os “dispositivos térmicos” sexan de enerxía solar térmica, claro, ou outros de tipo renovable.
  • Nas actuacións de saneamento, tamén se iniciará o proceso de reforma cara sistemas sustentábeis, reconvertendo de acordo coa tecnoloxía dispoñíbel as estacións cara a adecuación enerxética e redución na produción de residuos contaminantes.
    Aínda que parece que evitaron concretar qué tipo de saneamento alternativo propoñen como sustentable, isto deixa a porta aberta a implantar algo como o que defendemos nós.
  • Adaptar os sistemas e programas de roza da vexetación nas vías de responsabilidade municipal, para facelas máis intensivas en man de obra e menos en combustibles fósiles e sistemas mecánicos. Eliminar completamente o uso de herbicidas nestes labores.
    É literalmente a medida que propuñamos nós.
  • Estudar a creación dunha empresa municipal de xeración e distribución de electricidade e calor a partir de fontes renovables locais.
    Tamén corresponde directamente cunha medida, moi importante, que propoñemos nós.
  • Creación de espazos naturais verdes no Milladoiro e Bertamiráns que, ao tempo de favorecer a relación e o coñecemento co medio, sexan espazos para a relación e o lecer. Remodelar os espazos verdes para incluír espazos produtivos (hortos urbanos, bosques de alimentos, proxectos de agrosilvicultura).
    (Cf. coas nosas medidas xenéricas de espazos verdes e a de espazos verdes produtivos.)
  • Retirada dos parques infantís e substitución por materiais naturais non contaminantes e da máxima salubridade dos pavimentos producidos a partir de petróleo pola súa insustentabilidade e polas emisións de substancias químicas volátiles prexudiciais para a saúde.
    Tamén é unha medida tomada directamente das nosas propostas.
  • Favorecer a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, estendendo a recollida de aceite doméstico, a compostaxe caseira, adaptando o número e localización dos contedores específicos ás necesidades detectadas.
    (Cf. coa nosa medida acerca do lixo.)
  • Crearanse itinerarios medioambientais para peóns e bicicletas que sirvan como unha alternativa real ao uso do coche, permitindo o desprazamento a pé ou en bicicleta entre As Cortes e Bertamiráns, e entre O Milladoiro e Ventín.
    Unha medida que eles concretan nun ámbito determinado e que recolle o espíritu das nosas medidas para o transporte.
  • Promoverase a recuperación dos camiños tradicionais que unían os núcleos rurais e coidaranse especialmente, os tramos do Camiño de Santiago que pasan polo noso concello: o que continúa ata Fisterra e o Camiño Portugués.
    Medida que non recolliamos nós, pero que avaliamos como moi interesante, especialmente no que se refire á rede de camiños parroquiais.
  • Apoio ás persoas propietarias do monte en calquera iniciativa dirixida á súa ordenación e xestión sustentable.
    Tamén soa acaído a un Ames pospetróleo, aínda que habería que ter coidado en concretar en que consistiría esa ordenación e o carácter sustentable da xestión.
  • Establecerase unha ordenanza forestal que facilite a colaboración entre o Concello e as persoas propietarias do monte para preservar ou establecer plantacións forestais que protexan e potencien a biodiversidade, ao tempo que constitúan unha devasa natural fronte aos incendios.
    Positivo, en principio, pero conviña poñelo en relación cun uso multifuncional do monte que prime a produción de alimentos e enerxía e materiais de primeira necesidade dun xeito sustentable.
  • Fomentar a agricultura/horticultura urbana e periurbana ecolóxica mediante campañas, cursos, incentivos diversos, cesión de espazos e apeiros, subvención de sementes, etc. Ampliar as hortas públicas actualmente existentes no Milladoiro e en Bertamiráns e recuperar hortas ata hai pouco (ou aínda) produtivas.
    Unha medida moi positiva, nos termos practicamente propostos por nós.
  • Establecer un programa municipal para a transición enerxética tanto para adoptar un plan de medidas para a institución municipal como para establecer accións de difusión, concienciación e formación para a adaptación social pospetróleo.
    Unha medida fundamental, que se cadra pasa un tanto desapercibida dentro do programa e que debería servir como marco ou comezo de moitas das outras que vimos comentando. Resume varias das medidas propostas por nós no terreo da concienciación e planificiación municipal.
  • Prohibición de uso de agroquímicos (praguicidas, herbicidas, fertilizantes, etc.) no concello sobre os que exista unha sospeita razoábel de ser daniños para a saúde, o medio ambiente, e sobre todo para elementos críticos como as abellas, vitais para a produción de moitos alimentos.
    Medida tomada das nosas propostas.
  • Promover un programa de aproveitamento dos fertilizantes de orixe animal e vexetal, como abono alternativo coas máximas garantías para a saúde pública. Aproveitamento como fertilizante dos residuos vexetais procedentes das rozas realizadas polos servizos municipais e tamén polos particulares.
    (Cf. coa nosa proposta que tamén incluía os excrementos humanos.)
  • Apoiar a creación e mantemento de bancos e redes de sementes locais, que permitan a calquera persoa interesada en cultivar alimentos utilizar este tipo de sementes autóctonas. Estabelecer colaboracións con outros bancos e redes de sementes a nivel galego.
    Medida literalmente recollida das nosas propostas.

O que criticamos

Con todo, achamos algunhas medidas que chocan coas nosas propostas, polo menos aparentemente, e que deberían ser modificadas —na nosa opinión— para facelas coherentes coas medidas a prol dun Ames resiliente e preparado para a fin da civilización baseada no petróleo e no crecemento perpetuo:

No documento Ames, concello ao servizo do pobo (Un concello transparente, participativo e público, ao servizo do pobo)

  • Orientación dos orzamentos municipais ao estímulo do desenvolvemento e crecemento, desde unha perspectiva sustentable, revisando os planos de investimento en función da adaptación de infraestruturas e equipamentos a materiais dispoñíbeis no entorno próximo. Gastar estratexicamente para que a economía local se reactive, abandonando a política de priorizar devolverlle canto antes as débedas á banca privada.
    Esta medida ten de positivo que asume que a economía local debe basearse nos materiais dispoñibles na contorna, aínda que elude mencionar a enerxía que posibilite ese desenvolvemento, que tamén debería proceder do ámbito local e ser renovable no maior grao posible. Tamén aplaudimos a aposta por reactivar a economía local, que encaixa con moitas das nosas propostas no terreo económico. Pero o máis chocante é que se xunten na primeira frase os termos crecemento e sustentable: como se ven defendendo desde o movemento a prol dun Decrecemento xusto e socialmente controlado, e mesmo antes desde o informe do Clube de Roma Os Límites do Crecemento (1972), non pode haber crecemento sustentable nun mundo finito. Noutro documento (Ames, un concello para traballar) dise tamén: A actuación do BNG-Asembleas Abertas no concello de Ames dedicará esforzos, recursos e respaldo á posta en valor dos recursos endóxenos para atinxir un modelo de crecemento económico sustentábel, ademais de apoiar e investir no coñecemento, a investigación e a innovación para implantar un modelo económico que sexa capaz de atinxir maiores niveis de emprego. Cómpre antes de nada, para ser coherentes coa concienciación da que debe partir unha política municipal adaptada a esta fin do crecemento á que xa chegamos, entroutras causas, polo devalar da enerxía fósil que foi o motor indispensable do crecemento da civilización industrial no último século e medio, renegar do mito do crecemento e do progreso, sempre asociado a un aumento cuantitativo da economía. Por iso gustaríanos ver maior coherencia en ese punto do programa, que non é para nada un aspecto menor do mesmo. Por outra banda demorar a devolución da débeda aos bancos resulta un tanto perigoso nun contexto de contracción económica: unha das recomendacións xenéricas que máis repiten os teóricos dunha economía pospetróleo é liberarse das débedas. Polo tanto tamén coidamos que precisa ser reconsiderada esa postura, que por suposto deberá facerse compatible co destino do máximo de recursos posibles ao resto de medidas a prol da resiliencia local.
  • Revisión da política e da xestión tributaria local. Aplicación do IBI aos bens da Igrexa Católica que non se adiquen ao culto, así como imposición de gravames adicionais ás vivendas e locais comerciais sen uso para disuadir da especulación. Extensión de bonificacións tributarias a persoas e familias en situación de emerxencia, sen que por iso perdan o dereito aos servizos municipais. Revisión dos copagamentos en servizos sociais, establecéndoos no mínimo legal imprescindíbel para as persoas con pensións mínimas.
    Non hai ningunha mención ás nosas medidas de política fiscal. Porén, no documento de Ames, un concello para traballar podemos ler: Estudar bonificacións fiscais ás empresas que se instalen no concello que conten con certificacións de sustentabilidade ambiental, ou que adopten programas de máxima eficiencia e aforro enerxéticos., o cal si que pode ir nese sentido.

No documento Ames, un concello para traballar

  • Encabézase o documento con esta afirmación contudente: No contexto de crise económica, consideramos imprescindíbel que a prioridade absoluta do goberno local sexa a de abordar unha estratexia dirixida a recuperar o dinamismo económico e a creación de emprego.
  • Porén, o noso posicionamento, e o que pretende o conxunto de máis de 100 medidas que estamosa a propoñer para o vindeiro goberno municipal, parten do feito de que o que importa ao final é satisfacer as necesidades da xente, e que iso, nun contexto de colapso progresivo do modelo de sociedade industrial e captialista do crecemento, dependente das enerxías fósiles en proceso de esgotamento, xa non pode ser garantido polo emprego, e que, de feito, nunca foi o emprego o que facilitou o 100% das necesidades das personas no noso concello, apoiadas cada vez en maior medida na autosuficiencia alimentar e nos labores de coidados, case sempre cargadas sobre os hombros das mulleres. Polo tanto defendemos que o emprego sexa unha prioridade, pero non a absoluta, pois non deixa de ser un mecanismo indirecto para a satisfacción das necesidades. A prioridade absoluta debe ser que todo o mundo teña esas necesidades cubertas, haxa ou non haxa emprego.

  • Apoio á creación de empresas dende todos os ámbitos: emprendedores/as, empresas en expansión, fomento do autoemprego entre a mocidade, as mulleres e colectivos desfavorecidos, así como a detección e apoio ao desenvolvemento de novas oportunidades de negocio.
    Lamentablemente non se fixo mención ás priorizacións deses apoios en función da sustentabilidade desas empresas (é dicir, que sexa o menos dependentes posible dos insumos de orixe fósil) nin que estean dirixidas a satisfacer as necesidades básicas da poboación de Ames, tal como se propón en varias das nosas medidas. Tampouco achamos eses criterios noutras medidas de fomento económico e laboral incluidas neste documento. A única que parece apuntar dalgunha maneira nese sentido é a seguinte: Apostar pola creación de emprego público vinculado a servizos básicos locais para a poboación (…)
  • Promover o desenvolvemento forestal do concello, colaborando cos propietarios forestais e a administración forestal en labores de planificación e extensión forestal.
    Esa medida soa un tanto perigosa, se se entende o desenvolvemento forestal como manter e mesmo ampliar o uso actual dos nosos montes. Para nós o monte debe ser recuperado como fonte diversificada para a sustentabilidade local: en primeiro lugar no terreo alimentar, fornecendo alimentos e fertilidade para as producións agrogandeiras; en segundo lugar como fonte de enerxía e materiais, sempre supeditada á primeira función a prol dunha alimentación sustentable (Vid. o apartado da Guía para o descenso enerxético relativa ao papel do monte na Galiza pospetróleo.)

No documento Ames, un concello galego

  • Neste documento non achamos ningunha mención á promoción dun cambio cultural a prol da relocalización, resiliencia, vida simple, etc. como o que se propón en varias das nosas medidas.

No documento Ames, un concello para a igualdade

  • Establecer unha renda social para aquelas familias con todos os seus membros desempregados. e tamén Aumentar a partida destinada ás axudas para situacións de emerxencia social para atender a máis persoas e para poder afrontar non só o alugueiro ou a hipoteca da vivenda e o pagamento dos recibos de servizos básicos coma auga e electricidade, senón tamén a compra de medicinas, recepción de lotes de produtos de primeira necesidade e produtos de limpeza na casa, bonos de alimentación, bonos de transporte, gastos de seguro, gastos funerarios, servizos de canguraxe, entre
    outros. Revisar o regulamento de axudas e o procedemento de concesión de prestacións.

    No tema da Renda Social e das prestacións monetarias non temos feito ningunha proposta porque coidamos moito máis interesante e sustentable a facilitación ao máximo da autosuficiencia das familias: é dicir, non repartir diñeiro para que as persoas en peor situación económica poida satisfacer todas as súas necesidades básicas, senón primar ante todo a satisfacción desas necesidades mediante o acceso aos recursos que as poden encher directamente, sen ter que mediar o diñeiro e o mercado (Vid. p.ex. H.P. Lijó, “Tudo contra a renda básica“). Se a renda social for estabelecida a partir dunha moeda social local sería moito máis acaída e sustentable, na nosa opinión. En todo caso parece idónea unha potente combinación de mecanismos diversos, mediante moeda social, hortas urbanas, vivenda social, bancos tempo, bancos de alimentos, subvención do transporte colectivo, compartición de útiles e troco, etc., complementada para aqueles gastos que non poidan ser satisfeitos por todas estas medidas, con pequenas axudas en euros.
  • Establecer un plan de rehabilitación progresiva de núcleos rurais coa finalidade de mellorar a calidade de vida da veciñanza e poñelos en valor como recursos turísticos, de ser o caso.
    Ningunha referencia aos criterios que propoñemos para guiar esa rehabilitación. O dos recursos turísticos semella moi afastado dos criterios xerais das nosas medidas. O futuro do rural non pode depender do turismo senón da produción de bens de primeira necesidade e pola autosuficiencia local. No documento Ames, un concello para vivir, tamén se insiste nesa dubidosa motivación turística: Así mesmo, na revisión do PXOM abordarase un Plan integral de conservación de núcleos rurais, que contemple a rehabilitación progresiva dos núcleos rurais coa finalidade de mellorar a calidade de vida da veciñanza e poñelos en valor como recursos turísticos, de ser o caso.
  • Impulsar actividades que faciliten as relacións interxeracionais, atendendo de forma especial á colaboración cos centros de ensino, e a recollida da memoria viva a través da historia oral.
    Achamos en falta que se fale aí da necesaria trasmisión dos saberes que atesouran os/as máis vellos/as do concello de cara a aprender a vivir sen todo o que nos fornece o petróleo e a industria moderna, aínda que a medida en si mesma podería dar pé perfectamente a facelo.
  • Crear programas de incentivación da autonomía das nenas e dos nenos e de creación de comunidades de aprendizaxe: hortas escolares, camiños escolares alí onde as condicións de seguridade viaria o permitan, apoio entre escolares (tarefas escolares, como comer, lectura, etc.), fomento de relacións interxeracionais, etc.
    (Cf. a nosa proposta de hortas escolares.)

No documento Ames, un concello para vivir

  • Humanización de Bertamiráns, particularmente nas fincas pendentes de urbanización. Ante o descenso da actividade urbanística, artellaranse acordos con propietarios de fincas para equipamentos públicos temporais acondicionados (aparcadoiros temporais, prazas e espazos públicos de lecer).
    Tería sido necesario incluír aí un uso como fincas para a produción de alimentos (vid. a nosa medida relativa a esta cuestión.)
  • Elaboración e execución dun plan de mellora de parques e zonas verdes.
    Non consta aquí a súa reorientación para a produción de alimentos, como propoñiamos nós, aínda que si consta noutras partes do programa.
  • Executar un plan de soterramento progresivo das liñas eléctricas e de telefonía nos núcleos urbanos e nos núcleos rurais tradicionais.
    Que se pretende conseguir co soterramento? Xa compensa o custo maior (enerxético) que implicará manter unhas liñas soterradas? Xa se analizou o impacto para a saúde de aproximar os campos electromagnéticos das liñas eléctricas ao nivel das persoas? Semella unha medida un tanto problemática que coidamos deberían repensar baixo parámetros dun mantemento o máis doado posible nun futuro de baixa dispoñibilidade enerxética.
  • Implementar programas propios ou en colaboración con empresas privadas e organismos públicos de espallamento e universalización da banda ancha e de redes sen fíos. Asegurar a existencia de espazos públicos con acceso nos núcleos de poboación.
    Habitualmente as redes sen fíos implican maior contaminación electromagnética, especialmente problemática se se empregan frecuencias do rango das microondas, como é o caso de sistemas Wi-Fi e Wi-Max. O emprego da conectividade telemática pode ser útil para o aforro enerxético mais non se debe facer a custo de empeorar a saúde das persoas.
  • Aseguramento desde o concello da limpeza das faixas de protección dos núcleos de poboación e na difusión entre a poboación das medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais.
    Aínda que en principio é positiva a implicación do concello na prevención contra o lume, isto conviña analizalo desde unha óptica de favorecemento da autosuficiencia da poboación pois a lexislación acerca das faixas de protección en ocasións pon atrancos á produción de alimentos dun xeito sustentable nas fincas ubicadas nesas faixas.

Avaliación xeral do programa

Consideramos que o programa de BGN-Asembleas Abertas (Somos Ames) recolle moitas máis luces que sombras ao respecto da adaptación do concello cara a un Ames máis resiliente e adaptado á vida pospetróleo, aínda que non poidamos dicir que sexa un programa demasiado avanzado nin atrevido nese sentido. Non recollen todas as medidas propostas pola nosa asociación e moitas das que consideraron positivamente foron modificadas con respecto aos termos propostos por nós, matizando e eliminando algunha cuestión. Así e todo, por outra banda, inclúen outras medidas que nós non recolléramos e que si que van na liña necesaria, o cal quere dicir que eles tamén comparten boa parte dos criterios para un Ames pospetróleo. Isto é especialmente notable, como xa apreciáramos na nosa reunión con eles, nos terreos da revitalización da produción local de alimentos e mais do comercio local, aínda que nese segundo terreo lamentamos que se descartase unha medida tan importante como pode ser a creación dunha moeda complementaria local. Se cadra quedan algunhas lacunas que completarmos, pero como xa parten das medidas máis importantes como son o labor proactivo de concienciación e a elaboración dun plan para a transición enerxética, pensamos que o marco principal queda suficientemente trazado para poñer en marcha novas medidas se acada este grupo responsabilidades de goberno. Tamén será preciso que paulatinamente se abandone a énfase que se aprecia no programa por conceptos como o crecemento (aínda que se cualifique de sustentable, algo como comentamos que é incompatible) ou o emprego.

Agora agardemos que o resto de grupos tamén coincidan con estas medidas e así poidan colaborar con eles nun futuro goberno municipal, ou mesmo apoiar desde a oposición algo que debería quedar fóra totalmente do lexítimo rifirrafe político, pois as persoas que vivimos en Ames xogámonos demasiado como para que estas medidas poidan fracasar por cuestións partidistas.

Mentres agardamos que o resto de grupos políticos nos fagan chegar os seus programas ou a relación de medidas propostas pola nosa asociación que decidiron asumir e defender, procuraremos ir indicando no wiki as medidas que finalmente recolleu o BNG de Ames. Felicitamos ás veciñas e veciños que compoñen esta candidatura do Bloque por ter dado un paso moi importante e esperamos que noutros concellos esta formación política asuma medidas similares e vaia mudando políticas dun tempo que remata por políticas acaídas a un tempo de emerxencia enerxética, económica e social.

Terceira xuntanza coas candidaturas de Ames: BNG – Somos Ames

captura-somos-ames-BNGOnte martes 17, tivemos o terceiro dos nosos encontros cos grupos políticos de Ames, para trasladarlles as nosas propostas para un Ames resiliente e capaz de resistir nas mellores condicións posibles as graves consecuencias do Teito do Petróleo. Tras os pasados encontros con PSdeG e Ames Novo, desta volta foi a candidatura do BNG (Asembleas Abertas de Ames / Somos Ames) quen, representada por Isabel Vaquero, Alberte Souto e David Santomil, parolou con nosos membros Benxamín González e Manuel Casal en torno ao documento de propostas Ames Pospetróleo.

Na xuntanza, acollida novamente no Café Babia do Milladoiro, atopamos tamén boa recepción ás nosas propostas, como tamén foi en xeral a sensación cos outros grupos cos que nos levamos reunido. Tivemos ocasión de lles explicar algunhas medidas sobre as que amosaban máis dúbidas, como é o caso da proposta por unha moeda local complementaria, sobre a que lles achegamos as súas vantaxes e posibilidades así como algúns exemplos en funcionamento en diversos lugares do mundo. Eles amosáronse dispostos a incorporar as medidas ou boa parte delas, no programa que están a elaborar con achegas doutras persoas e colectivos de Ames, e diferenciaron claramente entre aquelas máis de tipo declarativo ou de pedagoxía/sensibilización social e as que sexan máis para transformacións a curto prazo, de tipo práctico, condicionadas á dispoñibilidade de recursos. Nese sentido fixéronnos ver que este concello é moi deficitario en canto a recursos humanos. Falamos tamén dos recurtes de competencias que están a sofrer os concellos, nomeadamente os máis pequenos, que vén as súas funcións en boa medida absorbidas polas Deputacións.

En canto ás medidas de sensibilización sobre o Peak Oil, amosáronse decididos a poñelas en marcha coa nosa colaboración nos meses inmediatamente posteriores ás eleccións, en caso de acadaren responsabilidades de goberno. Tamén as medidas de promoción económica lles pareceron especialmente salientables, e vencellaron a promoción e atracción que teñen pensado facer de empresas tecnolóxicas á cuestión das enerxías renovables, sobre a que podería mesmo pensarse nun viveiro específico para novas empresas deste tipo. Tamén fixeron moito fincapé nun duplo eixo, no que atopamos moita coincidencia coas nosas posturas: a promoción do comercio e distribución local por medio dunhas feiras ampliadas, e a promoción da produción local, especialmente de alimentos, na liña do proxecto Amorodo, sobre o que tamén nos falara moito a xente de Ames Novo. Así, apostarán por impulsar o aproveitamento das terras agrícolas do municipio con novos proxectos de agricultura ecolóxica, froiteiras, invernadoiros, etc. fuxindo das grandes explotacións habituais no país. Foi interesante coñecer da súa man que en Ames houbera en tempos unha produción moi importante de cereixa e de laranxas. Ademais, fixeron notar que Ames é un concello cunha renda media bastante alta con respecto ao resto da Galiza e nese sentido tería moitas posibilidades unha produción de calidade agroecolóxica destinada ao propio mercado local.

Outras cuestións que nos deron a coñecer foron o Feirón e a tarxeta de fidelización que puxeran en marcha os comerciantes do Milladoiro, como experiencias de promoción do comercio a nivel local. Tamén nos preguntaron acerca das cooperativas de enerxía renovable e estivemos falando das súas vantaxes e dos diferentes modelos e opcións existentes hoxe en día para que o concello contrate con elas, así como dos graves problemas que teñen moitos concellos coas grandes empresas eléctricas e que está obrigando a realizar auditorías para desvelar aunténticas estafas no cobro da luz aos concellos. Na cuestión do crédito mutuo entre empresas, que nós vencellamos co modelo de moeda local, eles mencionaron que tiñan previsto promover o crédito desde o propio concello.

Con David Santomil falamos da experiencia das hortas urbanas, que el coñece ben por promover unha no lugar de Coira, e que relacionamos coa cuestión do banco de terras que Alberte Souto tamén coñece de primeira man polo seu paso pola consellaría de Medio Rural nos tempos do goberno bipartito BNG-PSdeG. Falamos tamén moito do tema do transporte, das peculiaridades nese sentido dun concello como o de Ames e da necesidade de actuar a nivel local. Achegáronnos algunha referencia de sistemas de microbuses e falamos da posibilidade de combinar as novas tecnoloxías cun servizo a medio camiño entre os buses e os taxis para as zonas rurais do concello. No tema do transporte amosáronse bastante escépticos sobre as posibilidades de desincentivar o vehículo privado, ao que respondimos con modelos de compartición. Tamén falamos das Transition Towns e o que se leva tempo a mover no Reino Unido para se prepararen para a vida sen petróleo, e do Protocolo de Esgotamento do Petróleo que se aprobara en Portugal grazas á iniciativa do PCP. Tamén falamos do alto interese das hortas escolares e Isabel Vaquero mencionou o parque de Vista Alegre, en Compostela, como modelo aplicable dunha zona verde que produza alimentos.

Da xuntanza saíron algunhas ideas para mellorarmos as propostas de Ames Pospetróleo e un reforzado interese por estas cuestión dentro do grupo local do BNG, que esperamos se plasme durante as vindeiras semanas na adopción de boa parte das nosas propostas programáticas.

20150317-ames-pospetroleo-xuntanza-BNG-foto2-FRAG-640x219