Onte, venres 13 de marzo, tivemos a segunda das nosas xuntanzas cos grupos políticos que se van presentar ás eleccións municipais en Ames. Desta volta foi a xente de Ames Novo con quen nos encontramos, no Café Babia do Milladoiro, nunha intensa reunión de dúas horas. Dado que varios dos participantes no encontro xa coñecían a cuestión do Teito do Petróleo —de feito presentaran con Véspera de Nada a Guía para o descenso enerxético hai uns meses—, a xuntanza estivo centrada en falar sobre as propostas concretas que lles levabamos e que xa tiña analizado polo miúdo a súa responsable de Sustentabilidade e Mobilidade, a ecosocialista Chus Boo. Ademais dela, estiveron presentes a nº 1 da lista e candidata á alcaldía, Pilar Candocia; Manel Pardo, nº 11 da lista; e Paulo Rendo, tamén membro de Ames Novo. Por parte de Ames Pospetróleo asistimos Emilio Román e Manuel Casal.
Como froito da conversa, habemos mellorar algunhas das propostas, para facer unha redacción máis clara e precisa. Tamén nos forneceron información de interese sobre algunhas cuestións sociais, problemas no rural, do sistema de xestión do lixo, dos Puntos Limpos, dos locais das escolas unitarias, do transporte, do proxecto Amorodo e outros temas que nos servirán para completar as medidas que estamos a lles propor a eles a a outros grupos políticos que aspiran a gobernar Ames. Tamén lles aclaramos que esas medidas non están estruturadas dunha maneira directamente trasladable aos programas de cada formación —o cal sería imposible— senón que máis ben son ladrillos, items individuais, meramente agrupados por áreas, para que despois eles debatan internamente, e vexan de incorporar dentro do seu programa dunha maneira coherente e adaptada ao resto do programa que presenten aos cidadáns. Ames Novo comprometeuse a facelo e xa adiantaron que comparten plenamente a “filosofía” das propostas e que, de feito, xa moitos dos puntos os tiñan no seu pre-programa.
Debatimos tamén acerca da necesidade de diferenciar o tema da sustentabilidade, non considerándoo nin a efectos prácticos de goberno nin tampouco simbólicos —como se presenta á cidadanía— como un área máis de goberno, senón que debería ser xerarquicamente “a base” de toda acción, dentro dunha formulación máis integral do goberno municipal e menos estruturada por áreas independentes. Pilar Candocia aclaraounos que, se gobernaban, ela xa ía levar un área como é a Social, ademais das responsabilidades de alcaldesa, e que a Sustentabilidade tiña que recaer noutroa persoa, neste caso Chus Boo, pero que iso non quitaba para que fose un área totalmente trasversal e que, mesmo máis, as accións de goberno das outras áreas pasarían necesariamente pola aprobación da concellaría de sustentabilidade, estabelecéndose así unha relación do tipo da que nós demandabamos, en coherencia cunha candidatura que se recoñece “de base decrecentista”.
Boa parte da xuntanza xirou en torno á factibilidade de determinadas medidas. Así, debatimos moito sobre a viabilidade de impulsar unha moeda local, ao estilo doutras que xa están a funcionar noutros lugares, que nós consideramos factible poñelo en marcha nos vindeiros catro anos pero eles veno con moito máis escepticismo e dúbidas sobre o seu funcionamento. Os e as representantes de Ames Novo incidiron en dificultades concretas para levar certas medidas no programa, no que non queren incluír “promesas” (aí coincidiron co que nos expresaran os representantes do PSOE), senón unha “filosofía de goberno”. Nós fixémoslles ver o difícil que é fiscalizar unha “filosofía” que non se plasme nun programa concreto de goberno e que a dúbida acerca de que vaian dispor dos recursos precisos para levar á práctica todas as medidas incluíbles nun programa, podería solventarse incluíndo unha serie de medidas básicas (o cal xa tiñan previsto) pero complementadas con outras que serían postas en marcha de maneira condicionada á dispoñibilidade de recursos. Afirmaron que non sabían como se habían atopar o concello, no caso de gañaren responsabilidades de goberno, e que polo tanto non sabían ata qué punto ían poder facer cousas, o cal os levaba a autolimitarse á hora de incluír medidas no programa. Tamén falaron de limitacións legais e de competencias que debían asumir outras administracións ou un futurible goberno metropolitano da comarca de Compostela.
Saiu a debate repetidamente a cuestión do tempo, do ritmo ao que se deberían aplicar as medidas propostas para preparar Ames para a vida sen petróleo. Eles reiteraron que tiñan que pensar a 4 anos vista, de maneira análoga ao que nos explicaron no PSOE, e nós fixémoslles ver que era preciso pensar a máis longo prazo e poñer as bases da resiliencia do concello agora que aínda se podía, e que posiblemente dentro de 4 anos as cousas terían mudado moito a peor no sentido de dispoñibilidade de recursos e emerxencia socioeconómica, baseándonos nos cálculos de, entroutros, os asinantes do Manifesto Derradeira Chamada. Se cadra non atopamos unha clara conciencia desta situación, do escaso tempo de que van dispoñer os gobernos municipais que emanen das eleccións de maio, para prepararen os seus municipios para uns impactos rapidamente agravados do Teito do Petróleo. Quixemos que fosen conscientes de que lles pode tocar gobernar Ames no lustro máis decisivo non só para este concello, senón para o conxunto da Humanidade.
Por suposto recae neles a responsabilidade de trasladar as medidas que lles propomos a un programa de goberno concreto e realista, e de comunicar axeitadamente á veciñanza de Ames a necesidade e características desas medidas, vendo nelas non só o seu carácter máis ou menos “vendible” ao electorado senón o seu carácter máis ou menos “preciso” para a situación de emerxencia histórica que estamos a vivir. Por suposto isto é unha enorme responsabilidade da que non debe fuxir ningún grupo que aspire a gobernar este ou outro concello, máxime cando saben do problema de fondo do devalar enerxético e da mudanza civilizatoria. Por iso animamos a Ames Novo, como a calquera grupo, a ter valor e imaxinación á hora de trasladar isto á acción de goberno municipal, aínda que eles coiden que teñen “unha capacidade limitadísima para mudar os hábitos da xente”. Aí concordamos en que eles deben un paso por diante da sociedade para promover a mudanza cultural necesaria, aínda que eles ven máis dificultades ca nós nese proceso e pensan nun proceso máis lento e paulatino do que nós coidamos necesario.
Agradecemos a Ames Novo a súa boa disposición e interese polas nosas propostas e ficamos á espera de coñecer cáles delas incorporan, con maior ou menor adaptación ou priorización ao seu programa. Tamén agradecemos que nos ofrezan manter as portas abertas a un diálogo permanente sobre estas cuestións a partir de agora e a tomar parte activa en todo o proceso participativo de elaboración do seu programa para gobernaren Ames.