Programa nº 161, 27/05/24: “Decrecer para vivir e a Rede Internacional de Decrecemento”. Entrevista con Hugo Abad Frías. Música: Birch. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Etiqueta: decrecemento
Programa 159. Industria e decrecemento (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 159, 13/05/24: “Industria e decrecemento”. Entrevista con Luis González Reyes. Música: Hechos contra el decoro. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Artigo referenciado na entrevista: “Cómo sería una transición ecosocial en la industria española“
Programa 157. Explicando o descenso enerxético á nosa mocidade (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 157, 29/04/24: “Explicando o descenso enerxético á nosa mocidade”. Con Manuel Casal Lodeiro. Música: Boyanka Kostova. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Programa 156. Gandeiría rexenerativa (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 156, 22/04/24: “Gandeiría rexenerativa”. Entrevista con Txema Isábal. Música: Black Sabbath. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Programa 154. Entrevista e recital con Laura de la Fuente (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 154, 08/04/24: “Entrevista e recital con Laura de la Fuente”. Música: Laura de la Fuente. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Descargas de balde dos poemarios de Laura no web da revista 15/15\15:
- Cuadernos para náufragos (2016).
- En mi tierra de nadie (2018).
- El sol de los lobos (2022).
Programa 146. Análise dos programas electorais para o 18 de febreiro (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 146, 12/02/24: “Análise dos programas electorais para o 18 de febreiro”. Conversa con María Goiriz, de Rebelión Científica, Xabier Vázquez Pumariño e Manuel Casal Lodeiro. Música: Serj Tankian. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Dado que o tempo da conversa non chegou a nada, e quedaron temas importantes por comentar, convidamos a Xabier e María a enviarnos algúns comentarios máis por escrito, mais lamentablemente, non puideron facelo. Xa que logo a continuación incluímos algúns apuntamentos apenas do coordinador do programa:
Manuel Casal Lodeiro:
[Nos programas electorais] non aparece o escenario totalmente previsible de que Galiza se convirta en lugar de recepción de centos de milleiros ou mesmo millóns de persoas que busquen refuxio climático nos vindeiros anos e décadas no noso país. Ningún partido propón planificar isto e todos van deixar que sexa o Deus Mercado quen regule esta inmigración de xente que fuxe das secas e das ondas de calor noutras partes da Iberia ou noutros países, á nosa aínda húmida e vivible terra.
[…]
No tema directamente enerxético, comentarei algunhas cousas que vin nos programas publicados. Vou comezar polo de Sumar, porque me parece especialmente rechamante nunha formación que contou co asesoramento nada menos que de Yayo Herrero cando botou a andar o proxecto, e que nin fixeron caso das súas achegas no programa para as eleccións españolas e no caso das galegas… pois, en fin, abonda con ler o que propoñen no punto “297.Descarbonización e despetrolización: Electrificaremos a nosa demanda como medio de abandono dos combustibles fósiles e a enerxía de fontes contaminantes. Buscaremos a electrificación mediante enerxía 100% renovable como obxectivo final. Mediante a enerxía eléctrica, Galicia poderá ser autosuficiente en recursos enerxéticos cando a substitución do petróleo nos medios de transporte e no ámbito doméstico se faga efectiva.” Como me dixo un economista cando leu isto… seica en Sumar non saben nin sumar? Pensan que é viable a total electrificación da nosa economía! Non sei con qué recursos minerais, xa que os científicos non se cansan de dicir que non chegan para facer isto a nivel de todo o mundo. Será que queren que acaparemos minerais e privemos deles a outros pobos? E falan de eliminar o petróleo, mais ¿que pasa co gas natural? Alguén fixo contas? Alguén pensou en que non todos os usos dos combustibles fósiles non son electrificables? Que facemos con toda a petroquímica, por exemplo? Non só non fan estas contas senón que ignoran a xente de ciencia que si que as fai e que llelas presenta. [No debate a 5 na TVG, Marta Lois dixo que o “cambio climático” era unha “oportunidade”, e mencionou o seu “acordo pola reindustrialización de Compostela”, parte de mencionar unha suposta “revolución verde”, nome de estarrecedores ecos para o mundo do agro.] No seu programa amosan unha clara aposta por continuar co crecemento económico que nos está a levar ao abismo: abonde ler as mencións “…en favor dos sectores que ofrezan mellores perspectivas de crecemento económico”, un “Fondo de Compensanción Territorial… para impulsar un maior crecemento”, por exemplo.]
[…]
Por outra banda o BNG segue erre-que-erre co do “papel produtor de Galiza” no campo enerxético, como se non fósemos netamente deficitarios en enerxía. Eles co seu mito e insistindo no que chaman “novo modelo enerxético ao servizo do país e da maioría social” porque seica “As mudanzas na xeración e no consumo de enerxía representan para Galiza enormes riscos por mor de decisións que son tomadas de costas aos intereses galegos e para favorecer o lavado de cara verde de grandes intereses económicos”, como se eses fosen os únicos problemas e non un declive enerxético inexorable, a insuficiencia das mal chamadas renovables para supliren as fósiles, e a necesidade climática e ecolóxica de frear urxentemente as emisións implícitas en todo crecemento económico. Semella que para eles o único problema é que as decisións as toman en Madrid e nos despachos das grandes eléctricas. [No debate na TVG, Ana Pontón avogaba por unha “tarifa máis barata para persoas e empresas”, “eólica non así: ao servizo das empresas”, dando a impresión de que só lle importa a servizo de quen e non o como nin o que.] Claro que o que propoñen eles e outros partidos dun control público e democrático da enerxía é xusto e necesario… pero de pouco serverá se seguimos apostando como fan eles pola “expansión renovable”, cando eles mesmos recoñecen que en electricidade si que somos “excendentarios”… Daquela, se nos sobra, para qué poñer máis eólicos?!? E tamén reclaman no seu programa “declarar o litoral galego como espazo non apto para a instalación de parques eólicos mariños offshore“, o cal está moi ben e atende as demandas do sector pesqueiro… pero ao mesmo tempo queren potenciar que eses parques se fabriquen en Galiza, obviamente para ir instalar noutros países o que nós non queremos aquí. E tamén falan dunha “modernización” para a “descarbonización” de numerosos sectores da economía, esquecendo que precisamente a modernización o que implicou foi a dependencia dos combustibles fósiles e que antes da modernización, o noso país funcionaba de maneira moi “descarbonizada”, e abonda poñer o exemplo da nosa flota pesqueira, perfectamente descarbonizada antes da motorización a gasoil. Non abandonan os habituais e irracionais mitos progresistas, de que todo o moderno é por definición mellor. Polo demais, o seu apoio á descentralización da produción de enerxía, ás comunidades enerxéticas, o autoconsumo, etc. semella moi válido, aínda que debería ir acompañado, por resiliencia, da planificación de redes tamén locais de distribución de electricidade. E os aproveitamentos non eléctricos das enerxías renovables que reclaman xente coma Antonio Turiel ou Luis González Reyes, non aparecen por ningures, será porque non lles parece moderno algo que non sexa eléctrico… E tampouco aparece nada relativo ao impulso da autoprodución de combustibles líquidos para o sector agrícola, máis ben parece que ao contrario queren limitar “os cultivos enerxéticos”. Que pensan que vai pasar co noso agro cando o gasóleo sexa aínda máis proibitivo do que agora, e despois directamente non haxa subministro suficiente?
En canto ao PP, excuso analizar o que propoñen en materia enerxética, porque xa o estivemos a ver todos estes anos… E o seu programa o que ofrece é máis do mesmo: se non queremos caldo, pois dúas cuncas! O único que chama a atención é que queren substituír o galipó das estradas por asfalto de orixe vexetal ou reciclado e falan de “ecoestradas”. Mais non explican de qué tipo de material, a qué custo enerxético nin qué prazos poñen… Nin qué coches fan circular por elas cando xa non haxa apenas gasolina nin coches eléctricos. Ah, e unha nova empresa chamada “Recursos de Galicia” que supostamente vai facer que a electricidade lles saia de balde ás persoas das zonas afectadas por eólicos, por exemplo.
A número 1 da candidatura de Podemos amosou no debate na TVG estar moi lonxe do tímido avance cara ao Decrecemento que apuntan os documentos non hai moito aprobados pola formación a nivel estatal. Así, as súas mencións de que “a eólica é sustentable e de futuro”… “si pero non así”, “salvar Alcoa, mediante a intervención: non pode caer Alcoa”, “temos superprodución”, “industrialización agraria e pesqueira”, “fortalecer a industria”, etc. Polo menos coincide co resto de forzas de esquera en defender unha “empresa pública enerxética”.
[…]
Gostaríame agora fixarme nalgo no que levamos insistindo tanto desde o Instituto Resiliencia coma desde Véspera de Nada nas propostas políticas que fomos publicando desde hai polo menos unha década: a necesaria reagrarización do país e o retorno ao rural. Neste sentido é revelador que durante a precampaña, escoitamos tanto ao PSOE [e no debate da TVG, a Besteiro: “podemos crecer máis”, “crecemento intelixente”, “reindustrializar”, “levar a industria ao rural”, “apostar pola industria e pola enerxía”, “Galicia é un territorio enerxético”] coma ao Bloque falar de incrementar nun 8% a participación do noso sector industrial no PIB galego. Se miramos no programa do BNG veremos que queren que medre do 15% ao 23% no 2030 (aínda que outras fontes din que estamos xa case no 18%). “Poñer o país a producir”, pero o que??? [no debate, Pontón: “axilizar solo empresarial”… non agrario.] Non sei con qué enerxías pensan soster industrias que son dependentes na súa práctica totalidade dos combustibles fósiles, e que para moitas é inviable a súa electrificación. Convíñalles, se cadra, un repaso á historia para comprender que a industria, tal e coma hoxe a coñecemos, nace cos combustibles fósiles e morrerá con ela, polo menos nas súas dimensións e características actuais …Ou que o 43% de exportacións do que depende o noso PIB é inviable sen os combustibles para trasporte. Non parecen dispostos a asumir unha reagrarización do país, aínda que apostan en teoría pola “bioeconomía” e pola “economía circular” e o único sector potencialmente circular é o agroecolóxico, como xa teñen apuntado diversos autores. A min preocuparíame máis aumentar a produción alimentaria do país, xa que aí só nos autoabastecemos nun 50%, e non facer medrar a industria, a verdade… Que sen aluminio podemos vivir, mais non sen comida! Mais isto está traxicamente ausente nos programas electorais.
[…]
Finalmente, procurei polo concepto de “resiliencia” nos programas e achei algunhas cousas interesantes. O PP fala de “O deseño do anteproxecto de Lei do clima de Galicia, que vai elevar a rango legal en Galicia a neutralidade climática” e acto seguido de “A creación da oficina técnica de Galicia Resiliente para acompañar a todos os actores galegos no seu camiño cara a neutralidade climática”. O da “neutralidade climática” (seica xa para dentro de 16 anos!) sen decrecer no PIB é imposible, mais alén diso polo menos é positivo que vencellen “resiliencia” e “clima”… aínda que habería que ver esa oficina que funcións concretas tería e qué poderes, aparte de que é urxentísimo reconstruirmos a resiliencia non só fronte ao caos climático que temos enriba, senón fronte ao declive enerxético, futuras pandemias, e outras ameazas de primeiro nível. Aí eles falan tamén de “resiliencia fronte a emerxencias e catástrofes”, resiliencia fronte a incendios, da produción de mexilla, etc. etc. É moi rechamante que o concepto resiliente/resiliencia apareza nada menos ca dezasete veces no programa do PP! Sorprendeume que p.ex. falen do cooperativismo como “modelo social” moi superior en resiliencia! …Aínda que despois é para chorar que a súa vía para aumentar a resiliencia das explotacións gandeiras sexa incrementar a produción industrial de pensos!
Por contra, no programa de Sumar aparece o concepto de resiliencia/resiliente apenas 4 veces, e só vencellado a clima e a economía social. No do Bloque, apenas 3 mencións, sobre vivenda e incendios.
Programa 135. Como decrecermos (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 135, 13/11/23: “Como decrecermos”. Entrevista: Luis González Reyes. Música: El Último de la Fila. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Programa 133. Rebelión científica en Galiza (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 133, 05/06/23: “Rebelión científica en Galiza”. Entrevista: Juan Arias. Música: Fluzo. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Programa 127. A socioloxía do colapso (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 127, 24/04/23: “A socioloxía do colapso”. Entrevista: Ernest Garcia. Música: Sébastien Ducret. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]
Programa 121. Festa, mitos e Decrecemento (Vivirmos nun mundo finito)
Programa nº 121, 13/03/23: “Festa, mitos e Decrecemento”. Entrevista: Gil-Manuel Hernàndez. Tema musical: La Fúmiga. [Escoitalo en AmesRadio.gal ]