
Foto: Ames Pospetróleo
O acto foi presentado pola xornalista Rebeca Fernández Hermo, e contamos coa participación de Xoán Doldán, vicepresidente da asociación Véspera de Nada e profesor de economía aplicada na USC.
Abriuse o acto coa proxección do documental Non hai mañá, de Dermot O’Connor, e tras a intervención de Xoan Doldán, que falou brevemente da asociación Véspera de Nada e da Guía para o descenso enerxético, achegando tamén unhas maxistrais explicacións sobre a situación actual da economía en relación ao devalar enerxetico, foi a quenda de Emilio Román Leis, presidente de Ames Pospetróleo, quen falou ao público asistente acerca da orixe, fins e actividades da asociación.

Rebeca Hermo, Xoán Doldán e Emilio Román. FOTO: Ames Pospetróleo.
Tanto Isabel Vaquero como Genma Otero interviron amosando o seu interese pola cuestión do Peak Oil, celebrando a posta en andamento da nova asociación Ames Pospetróleo e falando das accións que se están levando a cabo por parte do goberno municipal que poden ter algún efecto sobre as súas consecuencias: salientaron particularmente a auditoría enerxética e a substitución progresiva dos puntos de luz do concello, así como as accións desenvolvidas e os proxectos en marcha en relación coas hortas urbanas —este último punto foi concretado pola responsable municipal da Aula de Natureza, tamén presente no acto—. Tamén coincidiron en resaltar os atrancos e dificultades que presenta a lexislación vixente para tomar medidas que poderían ir na boa dirección, mencionando particularmente a dificultade de introducir cláusulas sociais (ou ecolóxicas) na contratación municipal, ou primar nesta ás cooperativas (de enerxía p.ex.) fronte a outras empresas.
Tamén manifestaron o seu interese por coñecer iniciativas pospetróleo e de Cidades en Transición que se estean levando a cabo noutros concellos; nese senso, Xoan Doldán aproveitou para convidalas á Xuntanza Ibérica de Iniciativas Decrecentistas que será organizada pola asociación Véspera de Nada neste ano con data e lugar por concretar.
Recoñecendo igualmente a importancia da divulgación para concienciar á poboación do problema e as súas consecuencias, convidaron a Ames Pospetróleo a proxectar o documental nos institutos de Ames, actividade que entra directamente nos obxectivos da nosa asociación e que estaremos encantados de levar a cabo. Tamén se amosaron dispostos a manter reunións para estudar a aplicación nas diversas áreas de competencia municipal das medidas propostas e que xa publicáramos de forma previa ás últimas eleccións municipais no wiki de Municipios.Pospetroleo.com.
En conxunto, unha xornada satisfactoria que agardamos repetir o vindeiro venres 17 na Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 h. Como entidade que aposta por reducir a necesidade do transporte, quixemos ofrecer ás veciñas e veciños dos dous núcleos urbáns de Ames a posibilidade de asistir á nosa presentación sen ter que facer uso do vehículo privado, e de aí que fagamos senllos actos en cada un deles. Convidamos a todas as persoas interesadas en coñecer como o descenso enerxético vai condicionar as nosas vidas en Ames, a asistir á nova proxección do documental e posteriores presentacións e debate.