Medidas pospetróleo no programa de Ames Novo

logo-ames-novoEsta é a nosa avaliación de urxencia feita sobre a última das candidaturas coas que nos reuníramos, Ames Novo, tras ter analizado anteriormente os programas finais de Pacto x Ames, PSdeG e BNG. Facemos notar que está baseada unicamente nun documento interno que contén soamente parte do programa completo (concretamente a área MODELO DE MUNICIPIO E SUSTENTABILIDADE), que aínda no momento de publicar isto, menos de 24 h antes de rematar a campaña electoral, non vimos que fora feito público por esta candidatura por medio do seu web oficial nin nas redes sociais online. Así, non puidemos contrastar por exemplo as medidas que no terreo económico propón Ames Novo.

En rasgos xerais o documento que nos remitiron fai moita incidencia no concepto de sustentabilidade, mais non fai mención ningunha ao Teito do petróleo ou Peak Oil e ao decrecemento fáiselle unha mención fugaz nun subapartado, así como a unha transición enerxética que non se define. Algunhas medidas puntuais coinciden moito coas que nós lles propuxéramos, pero a grandes rasgos non se fai moito énfase no decrecemento enerxético máis aló do aforro económico e certo interese medioambiental.

Atopamos coincidencias, ben sexan totais ou parciais, nas seguintes medidas:

  • 1.2 PLAN DE NECESIDADES DE ESPAZOS – ESPAZOS NATURAIS: Ó mesmo tempo levarase a cabo o mantemento e ampliación da oferta de HORTAS URBANAS.
    (Non coincide con todo o que nos propuxemos na medida [U01] Promoción da horticultura urbana, pero vai nesa liña.)
  • 1.4 PLAN de REACTIVACIÓN E REESTRUCTURACIÓN DE FUNCIÓNS DE INSTALACIÓNS DE USO PÚBLICO.
    (Aquí fala das escolas unitarias, igual que na nosa proposta [X26] Aproveitamento das escolas unitarias para a resiliencia das parroquias, aínda que non queda claro que o fin sexa a resiliencia das parroquias)
  • 2.2 ENERXÍA: Revisar e reformar as taxas municipais relacionadas coa promoción da transición enerxética.
    (Si coincide coa nosa proposta [F01] Reforma xeral dos tributos e taxas municipais para favorecer a transición enerxética, aínda que sen maior detalle non podemos saber ata qué punto se formula unha fiscalidade como a proposta por nós.)
  • IMPLANTACIÓN PROGRESIVA DE SISTEMAS QUE UTILICEN ENERXÍAS RENOVABLES EN INSTALACIÓN PÚBLICAS.
    (Tamén está algo na liña da nosa proposta [U11] Reforma dos edificios municipais para o aforro enerxético, aínda que obviamente trocar os sistemas de abastecemento enerxético a enerxía renovable non asegura que se reduza o consumo, que para nós son cousas que deben ir expresamente unidas, primando sempre o aforro total no consumo.)
  • 2.4 TRATAMENTO DE RESIDUOS. Medidas como a AVALIACIÓN DO SERVIZO DA PLANTA DE COMPOSTAXE de LOUSAME ou POTENCIAR E FACILITAR O USO DE COMPOSTEIROS NA UNIDADE FAMILIAR.
    (Contén algúns dos puntos da nosa proposta [X15] Plan para a redución do lixo e a prol da compostaxe.)
  • En 3. MOBILIDADE tamén atopamos algunhas coincidencias: O concello promoverá unha forte restrición do uso do automóbil, a través da iniciativas de tráfico pacificado, os camiños escolares, etc e fomentar intensamente os xeitos de transporte sustentábeis (peonil, bicicleta, transporte colectivo), complementario dunha campaña de fomento do consumo local facendo fincapé no custe enerxético do transporte (mochila ecolóxica).
    (Está relacionado coas nosas propostas [T01] Plan para a redución do uso de automóbiles privados e [T02] Plan de promoción do uso da bicicleta.)
  • 3.2 POTENCIACIÓN DO USO DO TRANSPORTE PÚBLICO E RESPONSABILIDADE NO PRIVADO e a medida AMPLIACIÓN DAS FRECUENCIAS HORARIAS (especialmente na fin de semana.)
    (Coincide coa filosofía dunha das medidas propostas en [T04] Programa de ampliación do transporte público. De todos xeitos non é nada claro o que significa potenciar a responsabilidade no transporte privado.)
  • CAMPAÑAS PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCCIÓN.
    (O título coincide claramente con [T10] Campaña para o aforro de combustible na condución.
  • MOBILIDADE PEONIL.
    (Semella cadrar en gran medida coa nosa proposta [T06] Programa para favorecer os espazos peonís.)
  • Declarar Ames libre de transxénicos.
    (Coincide coa nosa [X10] Declaración de zona libre de transxénicos.)
  • Potenciar o consumo local responsable, potenciando o asentamento de mercados de alimentos de proximidade.
    (semellante a [E14] Programa de apoio ao comercio e á distribución local. Como non explican máis polo miudo, non sabemos se tamén estarán pensando en [E03] Recuperación dos mercados locais de alimentos. Tampouco puidemos ver o documento de economía para ver se esta promoción do consumo local vai acompañada dun pulo pola produción local, nin de qué tipo de produtos, aparte dos alimentares, que si se mencionan no punto 6, como veremos máis adiante.)
  • 5.2 XORNADAS DE FORMACIÓN.
    (Atopamos una semellanza con algunhas das propostas que facemos en [X05] Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo. Fálase de condución responsable, a mochila ecolóxica dos produtos que consumimos, redución da produción de residuos, o decrecemento, técnicas de cultivo en ecolóxico, coñecemento da flora e fauna do Concello, identificación de plantas silvestres comestibles…, cousas todas eles importantes e referidas por nós, mais non se fala do Teito do Petróleo, permacultura, bioconstruccion, e outros moitos puntos importantes para adaptarnos a unha vida pospetróleo, e tampouco se declara expresamente que estes plans de formación teñan ese obxectivo último.)
  • 6.DEFENSA DA SOBERANÍA ALIMENTARIA E APOIO Ó SECTOR PRIMARIO PARA MANTER UN RURAL VIVO. Falan de Impulsar dende o concello as redes curtas de comercialización para mellorar os ingresos dos produtores e produtoras e incentivar o consumo de alimentos locais fomentando a recuperación de espazos de cultivo.
    (Que pode estar relacionado con [E15] Promoción da produción local de alimentos.)

En breve, tras a publicación deste post de urxencia, procederemos a indicar no wiki de Municipios.Pospetroleo.com cales das medidas propostas por nós para Ames foron asumidas, co cal xa as persoas con dereito a voto o vindeiro domingo 24 poderán tomar unha decisión en base ás recollidas por cada formación.

Medidas Pospetróleo incorporadas ao programa de Pacto x Ames

Recibimos recentemente o programa electoral presentado por Pacto por Ames, e tras estudialo esta é a nosa avaliación de en que medida incorporan ao mesmo as medidas propostas por Ames Pospetróleo e que lles propuxéramos na nosa xuntanza do mes de marzo.

Ao longo do documento podemos atopar algunhas medidas directamente tomadas das nosas propostas ou, cando menos relacionadas ou coincidentes en parte con elas, e ás veces unidas a outras propostas ou matices que non estaban presentas na nosa proposta:

Medidas para un Ames Pospetróleo no programa de Pacto x Ames

No apartado 1 do programa, Área Socio-sanitaria:

  • BANCO DE ALIMENTOS: Cremos que é preciso, ademais de xestionar tódolos alimentos non perecedoiros, levar a cabo un programa de reparto de alimentos frescos. Estudaremos a instauración do programa Xantar na Casa, para aqueles que teñan dificultades para mercar a comida.
    (Cf. a medida proposta a este respecto para Ames en municipios.pospetroleo.com. O programa Xantar na Casa, no entanto, non nos parece axeitado, ao tratarse dun programa de catering no que o lugar no que se preparan os alimentos está moi lonxe de onde se consumen.)
  • BANCO DE MOBLES: Propoñemos o préstamo de mobiliario específico, tal como cadeiras de rodas, camas articuladas, etc. Para persoas con necesidades especiais: mobilidade reducida, deficiencias físicas transitorias, e persoas e familias con dificultades económicas.
    Semella posíbel relacionala coa nosa proposta de campañas a prol dos usos compartidos, se ben esta ía dirixida ao conxunto da cidadanía e non unicamente a persoas con necesidades especiais.

No apartado 2 do programa, Área de Educación, Cultura, Deportes, Lecer e Xuventude:

No apartado 3 do programa, Área de Empregabilidade, Formación, Comercio e Turismo:

  • AMES REFERENTE EN COMPRAS: Podemos presumir de ter un tecido comercial envexable: contamos cun pequeno comercio capaz de atraer novos visitantes, emprendedores e consumidores selectos, que foxen dos grandes centros comerciais, polo que debemos darlle o máximo respaldo.
    Semella posíbel relacionala coa nosa proposta de Programa de apoio ao comercio e á distribución local, se ben nada se dí acerca dos produtos de primeira necesidade e do establecemento de redes locais de subministro, entre outros aspectos.

No apartado 4 do programa, Área Económica, Urbanística e de Servizos Xerais:

  • REDUCCIÓN DÉBEDA DO CONCELLO: nun 15% mediante fórmulas que non entorpezan o funcionamento xeral nin provoquen unha mingua nos servizos prestados.
    Se ben librarse das débedas é un paso necesario na preparación para un sistema socioeconómico post-crecemento, non compartimos algunha das fórmulas recollidas nese punto do programa de PxA e que comentaremos mais adiante.
  • PACTO X AMES TERÁ UN CONCELLEIRO PERMANENTE NAS INSTALACIÓNS MUNICIPAIS DO MILLADOIRO que canalizará toda a información de forma bidireccional. O Concello está en Bertamiráns e o rural disporá dunha concellería específica.

    E tamén: Así mesmo, consideramos moi importante axilizar a resposta ós escritos presentados por rexistro, ou calquera outra canle regulamentada (correo electrónico, páxina web…), para que OS VECIÑOS TEÑAN CONTESTACIÓN NUN PRAZO DE 15 DÍAS HÁBILES.
    (Cf. Plan de descentralización administrativa en municipios.pospetroleo.com)

No apartado 5 do programa, Área medioambiental e de obras:

Neste apartado, e baixo o epígrafe Aforro Enerxético é onde podemos atopar a maior parte das medidas que Pacto por Ames decidiu incorporar ao seu programa de entre as propostas por Ames Pospetróleo.

AFORRO ENERXÉTICO: A eficiencia enerxética, a integración co Medio Ambiente, as políticas sustentables e a vida san son propostas que potenciaremos dende PACTO x AMES:

No apartado 6 do programa, Área de Seguridade e Mobilidade:

  • En canto á mobilidade, desde PACTO x AMES facemos unha gran aposta polo transporte metropolitano, e propoñeremos diversas actuacións. Contemplamos a posibilidade de implantar liñas internas dentro do noso Concello (encadradas no transporte metropolitano), destinadas á comunicación efectiva entre as parroquias e o Milladoiro e Bertamiráns.
    Do mesmo xeito, se non fose posible achegar posturas dentro da entidade que xestiona o transporte metropolitano, da que Ames forma parte, faremos un estudio de viabilidade para ver si é factible a implantación do transporte urbano.

    Podemos relacionar esta proposta co noso programa de ampliación do transporte público, xa recollida anteriormente.

O QUE CRITICAMOS

Chámanos a atención, en primeiro lugar, que en ningún apartado do programa se mencione o Teito do Petróleo, nin —cunha única excepción—, ningunha das medidas que propoñemos para difundir e explicar o Peak Oil e concienciar á cidadanía do problema e as súas consecuencias, paso necesario para o éxito de moitas das medidas propostas. Así, no documento de Pacto por Ames non hai rastro do programa de difusión de Transición Enerxética entre entidades locais, da campaña de difusión mediática local das medidas pospetróleo, da divulgación das consecuencias económicas do Teito do Petróleo nin do Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo. Tampouco aparecen actuacións institucionais coma a creación da Axencia Municipal para a Transición Enerxética, a adopción do Protocolo do Esgotamento do Petróleo, ou a iniciativa de sumar Ames á Rede de Cidades en Transición.

No apartado 3 do programa, Área de Empregabilidade, Formación, Turismo e Comercio, non achamos ningunha medida que se propoña en clave pospetróleo, pese a que algunhas terían encaixe perfectamente. Así, no apartado Empregabilidade e Formación:

  • FEIRA DE EMPREGO E FORMACIÓN: Cremos que é necesaria a organización deste evento para dotar das ferramentas precisas ás persoas demandantes de emprego para atopar un posto de traballo, facilitándolles un contacto cos potenciais empregadores. Unha xornada na que se impartan obradoiros e cursos monográficos, que sirva de escaparate das empresas de formación e asesoramento de Ames. Todo isto apoiado tamén a través dunha plataforma tecnolóxica.
  • CURSOS E XORNADAS UNIVERSITARIAS: Traballaremos para que Ames acolla diferentes cursos e seminarios das universidades galegas, e organizaremos xornadas dirixidas ós estudantes universitarios amienses en materia de traballo de fin de grao, saídas laborais, profesionalización …
  • CICLOS DE PROGRAMAS FORMATIVOS: de capacitación, non formais, certificados de profesionalidade, carnés con homologacións a través das diversas entidades públicas, fundacións ou privadas sen fin de lucro.

Aquí terían encaixado as nosas propostas de programa de formación profesional pospetróleo e o programa formativo para a recuperación de produtos e materiais.

Do mesmo xeito, nas propostas

  • COWORKING: Posta en marcha dun centro Coworking (antigos viveiros de empresas), para facilitar un lugar de traballo cunha renda económica baixa e impulsar así o autoemprego (avogados, deseñadores, arquitectos, psicólogos, programadores… freelances en xeral).
  • PROGRAMA AUTÓNOMOS: Elaboración dun Plan de axuda e recursos dispoñibles para estes traballadores, así como dun estudo de bonificacións e beneficios económico/fiscais pola creación de postos no Concello ou o establecemento do mesmo da súa sede social.
  • ESCOLA DE EMPRENDEDORES: Permitirá a capacitación daquelas persoas que teñan vocación de emprender pero non saiban cómo ni teñan medios. Incluiría:
    • Formación empresarial. De balde, salvo faltas de asistencias que superen o 25%, o que suporía a expulsión e o pago de una taxa compensatoria.
    • Asesoramento para a procura de financiamento e a preparación do Plan de Empresa.
    • Apoio na fase de lanzamento empresarial inicial.

  • PLAN DE RELEVO NOS NEGOCIOS: Programa que permita a realización de prácticas para aprendices de oficios que poidan incorporarse ó mundo laboral, contribuíndo ó relevo xeracional na xestión dos negocios. Distínguense tres fases: un período de prácticas gratuítas, logo unha fase como bolseiros e adicionalmente o contrato laboral.

poderían terse integrado as nosas propostas para novas empresas sustentables pospetróleo, o programa de reconversión de empresas para un futuro sen petróleo e o programa de novas empresas de servizos pospetróleo. É mais, consideramos que sen un enfoque pospetróleo os esforzos de formación e asesoramento perden o sentido, porque se estaría formando aos empresarios e profesionais para un futuro que cando chegue vai ser moi diferente.

No subapartado Comercio atopamos as seguintes propostas:

  • DINAMIZACIÓN COMERCIAL 2.0: Creación dunha plataforma enlazada á web municipal como guía comercial actualizada, en colaboración e apoio ás Asociacións de empresarios e comerciantes. Serviría como referente á hora de informar, consultar e difundir o gran abanico comercial que pode ofrecer o noso Concello.
    Ben se se fixera cun apoio decidido ao comercio local e as cadeas de distribución curtas.
  • EVENTOS E/OU FEIRAS TEMÁTICAS: A maior parte dos concellos teñen festas, eventos temáticos e actividades dinamizadoras que repercuten nun aumento do consumo e un relanzamento do comercio. Por este motivo, cremos que é importante unha colaboración máxima coas Asociacións de Comerciantes e Empresarios, apoiando os eventos que propoñan. É o caso da Feira do Comercio, que podería complementarse con feiras sectoriais e mostras específicas, potenciación das gastronomía e hostalería, etc. Tamén favorecemos a realización de ciclos ou concertos en cafés de grupos locais, de nova creación, monólogos, etc. para promocionar o talento local ó tempo que se potencia o consumo nos locais que os acollan, que recibirían apoio por parte do Concello.
    Aquí achamos de menos algunha referencia á recuperación dos mercados locais de alimentos.
  • ASESORAMENTO PROFESIONAL a negocios e tendas: Enfocado a potenciar e xestionar de maneira preventiva a viabilidade económica e financeira dos negocios, prestando un servizo acompañado por unha plataforma on-line, un teléfono dispoñible, e un servizo de asistencia para dar o apoio necesario nas áreas imprescindibles dun pequeno negocio.
  • SUBVENCIÓNS NOMINATIVAS para axudar ás asociacións de comerciantes e empresarios na súa tarefa.
    Aquí é necesaria a orientación pospetróleo para evitar apoiar proxectos inviables nun escenario de carestía e dificultade crecente dos transportes.

Na Área económica, Urbanística e de Servizos Sociais podemos comentar tamén algúns aspectos:

ECONÓMICA

  • COMPROMISO DE ORZAMENTOS MUNICIPAIS ANUAIS: Dos últimos catro anos de mandato tan só o primeiro presentáronse os orzamentos. Como medida imprescindible para ter unha boa xestión económica, presentaremos antes do comezo de cada ano os orzamentos xerais.
    É certo que o orzamento é unha ferramenta fundamental para unha boa xestión económica. E por esa mesma razón, se non se teñen en conta as consecuencias económicas derivadas do Teito do Petróleo para a súa elaboración, esa ferramenta non servirá para o seu propósito.
  • REDUCCIÓN DÉBEDA DO CONCELLO: nun 15% mediante fórmulas que non entorpezan o funcionamento xeral nin provoquen unha mingua nos servizos prestados. Con medidas como:
    • Renegociación da débeda bancaria.
    • Conxelación salarial dos soldos do equipo de goberno.
    • Licitación da xestión de compras centralizadas.
    • Licitación dos servizos pendentes (telefonía, ciclo integral da auga, servizo de limpeza, etc.).
    • Unificación do pago das taxas e impostos nunha soa entidade.
    • Aprobación da ordenanza fiscal reguladora da taxa por instalacións de caixeiros automáticos nas fachadas dos inmobles con acceso directo dende a vía pública.
    • Renegociación da póliza de crédito.
    • Licitación do servizo de subministración eléctrica.
    • Racionalización do consumo eléctrico.
    • Redución dos gastos financeiros.
    • Facer rendible a Radio Municipal.

  • CICLO DA AUGA: Urxente licitación deste servizo pola súa situación de precariedade.

    PACTO x AMES advertiu en innumerables ocasión das consecuencias de copiar uns pregos dun concello como o de Cáceres e agora estamos pagando as consecuencias tanto económicas como de xestión.
  • XESTIÓNS PARA ACADAR AS CONCESIÓNS ORZAMENTARIAS XUSTAS por parte das diferentes administracións, e xestión das achegas de xeito que non se perdan por falla de xestión ou deficiencias na súa petición.

Se ben compartimos o fin de reducir a débeda municipal, e algún dos medios propostos, como a racionalización do consumo eléctrico ou a redución dos gastos financeiros, non podemos estar de acordo coa pertinencia de outras propostas, como as licitacións de distintos servizos. Se ben é certo que non temos ningunha medida específica que defenda a xestión municipal fronte a xestión privada dos servizos esenciais, esta última non parece que vaia ser facilitadora dunha transición pospetróleo, toda vez que: o fin último da empresa adxudicataria é o beneficio económico, estando a calidade do servizo e o aforro para o cidadán nun segundo plano; os dilatados prazos polos que se outorgan as concesións farían aínda mais difícil para o concello poder actuar con axilidade para afrontar as mudanzas necesarias na Transición, e por último existe un extenso debate en todo o Estado acerca de se este tipo de concesións supoñen un aforro real, existindo cada vez un maior número de concellos que deciden recuperar a xestión dos servizos básicos e aforran diñeiro ao facelo.

URBANISMO

Na Área de Urbanismo non atopamos tampouco ningunha das medidas propostas por Ames Pospetróleo, como a adecuación da normativa urbanística para unha cidade pospetróleo, a promoción da arquitectura bioclimática ou o programa para a xeración eléctrica en edificios; si vemos referencias ao Urbanismo Sustentable:

Converter Ames nun Concello cun urbanismo sustentable en base ós parámetros medioambientais e de accesibilidade, humanización e espazos deportivos e de lecer.

Ao noso entender, un urbanismo sustentable é o que causa o menor impacto posible sobre o medio ambiente e o territorio, consume a menor cantidade de recursos e enerxía e produce a menor cantidade posible de residuos e emisións. En canto a accesibilidade, supón apostar polo transporte público e non o vehículo privado, fomentando medios alternativos como a bicicleta, e apostando pola proximidade.

A solución que propón Pacto por Ames para o problema do tráfico no Milladoiro lévanos a poñer en dúbida que compartamos a mesma definición de urbanismo sustentable:

Dende hai máis de 20 anos o problema do tráfico do Milladoiro ó seu paso pola rúa Rosalía de Castro segue sen resolverse. Ningunha das Administracións tomou o problema coa suficiente seriedade e interese.

Mentres que en Padrón investíronse na variante máis de 25 millóns de euros, no túnel de Conxo case 8 millóns, ou no da Galuresa 14 millóns, no Milladoiro obtense a calada por resposta cando se pide unha solución. Deixan a Milladoiro, cunha poboación de 13.000 habitantes, nun segundo plano fronte a un concello como o de Padrón ,que ten 8.800 habitantes.

A competencia desta inversión é do Goberno Central, por iso dende PACTO x AMES faremos chegar tódalas propostas viables para conseguir que se tome en serio dunha vez por todas o problema de tráfico que hai no Milladoiro. As nosas propostas a elevar ó Ministerio son:

  • Estudo de viabilidade para facer o túnel baixo a rúa Rosalía de Castro. Para PACTO x AMES é a mellor opción porque permitiría eliminar o tráfico desta zona e acabar coa división social e física.
  • Levantamento da peaxe da AP-9 como medida provisional mentres non chega a solución definitiva.

Desde Ames Pospetróleo non compartimos esta solución. Un túnel baixo a rúa Rosalía de Castro supón enterrar —literalmente— unha gran cantidade de diñeiro, enerxía e recursos que poderían ter moito mellor uso. As razóns que se poden esgrimir en contra son moitas e moi variadas, pero por empregar termos puramente económicos, a amortización dunha obra desa magnitude levaría decenios, e daquela o modelo actual de transporte, baseado no vehículo privado, terá mudado necesariamente a causa do devalar do petróleo. Simplemente non compensa. (Salvo á empresa construtora, naturalmente.)

CONCLUSIÓNS

Antes de nada, agradecemos a Pacto por Ames terse reunido con nós e ter estudado as nosas propostas, así como ternos remitido o seu programa electoral.

Dito isto, non creemos que o programa presentado por Pacto por Ames sexa o mais axeitado para prepararmos un Ames Pospetróleo.

Se ben recoñecemos a inclusión dalgunhas das medidas propostas, o feito de circunscribilas a unha área concreta -coma se as consecuencias do Peak Oil foran só medioambientais- e de coller unhas si e outras non, fai que perdan parte do seu sentido e non teñan o efecto buscado.

Por exemplo, a medida da creación do Banco de Terra municipal (incluída no programa de PxA) está en relación coa promoción da produción local de alimentos (non incluída por PxA: o sector agro-gandeiro e forestal está practicamente ausente do programa) e ten que complementarse coas medidas de apoio ao consumo de alimentos locais (non incluída) e coa recuperación dos mercados locais de alimentos (podería entenderse incluída na proposta das feiras locais).

O mesmo referido ás empresas: producción local, e consumo local, apoiados no posible polo concello mediante un plan de compras en proximidade; con empresas que poidan axudarse entre elas cun sistema de crédito mutuo e unha moeda local complementaria, e unha serie de medidas fiscais que apoien e axuden a aqueles que fagan un esforzo por prepararse.

Con estas e outras medidas, axeitadamente estruturadas, podería construírse unha malla que favorecería a resiliencia da sociedade no noso concello ante os desafíos por vir. O programa de Pacto por Ames podería aproveitar mellor as realimentacións positivas que os efectos dunhas propostas exercerían sobre outras.

Porén, as medidas presentadas nos ámbitos do emprego, comercio e turismo, poñen en evidencia unha visión business-as-usual allea ao feito de que esta crise é terminal, que o modelo socioeconómico actual está esgotado e que cómpre construírmos outro novo, e que as vellas receitas xa non nos van servir. (Con todo, compre facer notar que non se fala no programa de crecemento, nin sequera para engadir o adxectivo sustentable, é de agradecer).

No ámbito da mobilidade, se ben apreciamos a aposta realizada polo transporte público cremos que podería terse mellorado con medidas para reducir o uso do automóbil privado e fomentar o seu uso compartido, promover o uso da bicicleta (só se fala da bicicleta no programa no ámbito de deporte, e para dedicarlle un día ao ano; non como medio de transporte) e favorecer os espazos peonís, entre outras.

Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do PSdeG-PSOE para Ames

Socialistas de Ames (PSdeG-PSOE)A final da pasada semana o grupo municipal do PSdeG-PSOE fíxonos chegar un documento no que se detallan cales das medidas que lles propuxéramos na nosa xuntanza de marzo decidiron asumir e incorporar ao seu programa de goberno. Incidindo no que xa nos expresaran daquela, eles consideran que moitas delas encaixan perfectamente con medidas que xa aplicaran nos 8 anos que estiveran no goberno do Concello (2003-2011), e así nolo explican na primeira parte do documento que citamos a continuación. Segundo explican, “algunhas delas durante estes tres últimos anos deixaron de realizarse e ficaron esquecidas no caixón do goberno do PP; e, está claro, tamén, que se poden continuar, reforzar, e complementar”:

Economía e goberno local

  • EO4: RECUPERACIÓN DOS MERCADOS LOCAIS DE ALIMENTOS: “Promovemos feiras e mercados locais a través do mercadillo de Bertamiráns; a través de Amorodo con productores locais introducidos en canles de distribución dos seus produtos: no mercadillo mesmo e coa rede de cestas; mercados puntuais en diferentes festas como a da Naturaza.”
  • E08: PROGRAMA DE NOVAS EMPRESAS SUSTENTABLES: “Estimulábase e apoiábase o emprendemento a través do servizo de asesoramento e das ILES. Aínda que para ser ILE non se tiñan en conta criterios de sustentabilidade relativos ao petroleo.” Na nosa opinión esta medida só ten sentido se se aplican precisamente eses criterios: non se trata de apoiar a creación de calquera tipo de empresa, senón de empresas que sexan sustentables nun contexto de devalar enerxético, que non dependan de insumos derivados do petróleo e que axuden á resiliencia do municipio.
  • E10: REORIENTACIÓN DE EMPRESAS PARA O CONSUMO LOCAL: “A través de todas as campañas de fomento do consumo local.” É importante, pero fomentar o consumo local non é o mesmo ca fomentar que as empresas se reorienten cara ese consumo: unha vía traballa desde o punto de vista da demanda, e a outra, desde o da oferta.
  • E14: PROGRAMA DE APOIO AO COMERCIO E Á DISTRIBUCIÓN LOCAL: “Viñemos reforzando o comercio de proximidade a través de Amorodo, non so co punto de venta onde estaban os productores senon co sistema de cestas —rede local de suministro— onde eran coñecidos polos consumidores. Tamén a través de todas as campañas de promoción do comercio local: Guía de Compras, Rede Calidade en Galego, animación na rúa ca chegada do bo tempo: Animación do Comercio na Rúa, Campañas Navideñas, etc).”
  • E15: PROMOCIÓN DA PRODUCCIÓN LOCAL DE ALIMENTOS: “A través de Amorodo estimulabase e axudabase á producción local.” É un bo referente, pero claramente insuficiente. Precisa ser ampliada a súa escala ata aproximarnos ao obxectivo de que a maior parte dos alimentos consumidos por toda a poboación de Ames procedan do propio concello ou da bisbarra.
  • E21: BANCO DE TEMPO MUNICIPAL: “En Servizos Sociais puxérase en marcha.”
  • E22: PROMOVER FEIRAS DE TROCO: “Celébrabamos 1 ao ano, cada edición con máis éxito.”
  • E24: FORMACIÓN PROFESIONAL POSPETRÓLEO: “Fomentamos a integración de persoas desempregasdas mediante obradoiro con novo oficio de instalador de enerxía solar térmica.” Semella algo moi insuficiente: existen moitas outras profesións que cómpre recuperar para un novo xeito de vida pospetróleo.
  • E25: APOIO AO CONSUMO DE ALIMENTOS LOCAIS: “Apoiamos ás redes locais de distribución de alimentos, creándoas de cero (posto mercadillo + sistema cesas) e dotandoas de diferentes axudas: PDA por exemplo para que o sistema de cestas fose máis áxil e doado; novos investimentos no mercadillo xa existente). Tamén a través de campañas de fomento consumo local.” Precisa ser ampliado en escala para apoiar a medida inseparable da promoción da produción local de alimentos.
  • E26: PLAN DE COMPRAS MUNICIPAL EN PROXIMIDADE: “É algo que se viña facendo a nivel de todo o concello: comedores escolares que mercan a Amorodo, supermercados, panaderías e tendas locais; noutros departamentos tamén cos servicios contratados priorizando en igualdade de oferta e prezo os que fosen do concello; etc).”
  • E27: PLAN DE DESCENTRALIZACIÓN ADMINISTRATIVA: “Posta en marcha da administración electrónica, etc.”

Urbanismo e hábitat

  • U01: PROMOCIÓN DA HORTICULTURA URBANA.
  • U02: HORTAS URBANAS COMUNITARIAS.
  • U02: RECUPERACIÓN DE HORTAS.
  • U09: PROMOCIÓN DA ARQUITECTURA BIOCLIMÁTICA: “A Aula da Natureza pretendía ser un lugar común para todos, pero tamén un espazo de educación ambiental, onde o propio edificio predicase co exemplo. Así, na restauración tivose en conta este tipo de arquitectura, no tocante a: ventilación, emprego de materiais, reutilización de augas grises, emprego de enerxías renovables dende un punto de vista eficiente e real a nivel de vivenda unifamiliar. A idea foi incidir neste campo a través das diferentes campañas / accións de educación ambiental que viñamos facendo xa dende a aula.”
  • U12: PROGRAMA DE AMPLIACIÓN DE ESPAZOS VERDES: “Programa e proposta O Milladoiro que está por ver…”
  • U11: REFORMA DOS EDIFICIOS MUNICIPAIS PARA O AFORRO ENERXÉTICO: “Antes de acometer o obradoiro fixose un estudo de TODOS os edificios municipais para ver aqueles susceptibles de instalar os paneis de enerxía solar térmica. Tíñano todos os que o podían ter, e no resto foron instaladas diferentes medidas de aforro energético a través de luminarias, etc. Está recollido o aforro ecónomico e o CO2 que o concello evita anualmente. Posteriormente fixose unha auditoría energética do INEGA para ver outras alternativas de aforro enerxético.”

Transporte

  • T10: CAMPAÑA PARA O AFORRO DE COMBUSTIBLE NA CONDUCIÓN: “Medida incluida dentro da campaña OFICINAS E FOGARES SOSTIBLES. A idea era mandar tamén ao persoal do concello a facer os cursos de conducción eficiente, eran gratuitos. Unha vez feito o folleto base con todas as medidas a idea era periódicamente facer campañas mais intensivas de cada apartado: tóner, papel, luz, vehículos, etc.”

Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras

Aparte disto no que xa afirman teren traballado, comprométense a levar a cabo estoutras medidas novas de entre as incluídas na nosa proposta:

Economía e goberno local

Urbanismo e hábitat

  • U04: PLAN PARA A MELLORA ENERXÉTICA DAS VIVENDAS.
  • U05: PROGRAMA PARA A XERACIÓN ELÉCTRICA EN EDIFICIOS: “Fomentando mediante algunha exención.”
  • UO8: PROGRAMA DE ESPAZOS VERDES PRODUCTIVOS: “Aínda que esta funcionalidade xa a recollen as hortas urbanas.” Non de todo, pois do que se fala aquí é de reconcebir os espazos verdes como zonas de produción de alimentos e outros produtos naturais de utilidade.
  • U15: PROMOVER A RETIRADA DE AMIANTO NAS CONSTRUCIÓNS: “Dentro de esta medida non todo é viable, pero sí se poden considerar das opcións propostas como a exención de tasas, seguir perseguindo os verquidos ilegais e facer unha campaña de concienciación.” Lamentamos que non se considere viable axudar a eliminar o antes posible un potente carcinóxeno que está presente de maneira ubicua no noso hábitat, precisamente porque as administracións públicas o viñeron favorecendo e permitindo historicamente. Consideramos un deber das propias administracións constribuír á súa eliminación dunha maneira segura antes de que se careza dos recursos e infraestruturas precisas para realizalo masivamente e con seguridade. Con todo, a aposta que fai o PSdeG resulta valiosa.

Transporte

Fiscalidade

Medidas xerais, difusión/concienciación cidadá e outras

Rematan o seu documento cun agradecemento: “Antes de rematar, agradecer o voso completo e fantástico traballo, e a animarvos a que continuedes coa vosa labor porque é necesario que existan personas que nos conciencien da necesidade de pensar no futuro.” Nós tamén lles agradecemos que se tomaran a molestia de nos enviar un documento específico avaliando as medidas unha a unha, o cal nos facilita moito a súa comunicación e a análise de ata qué punto asumiron a nosa mensaxe e propostas para un Ames preparado para a nova Era Pospetróleo.

Avaliamos moi positivamente que se recoñeza a importancia deste tipo de propostas e que se asuma un bo feixe de medidas novas, aínda que non concordemos en que haxa tanto aproveitable do feito nos anteriores gobernos PSdeG e PSdeG-BNG que houbo no concello. Si que poden ser puntos de partida interesantes que retomar, pero sen dúbida hai que ampliar moito o seu alcance e poñelos nun contexto marco de preparación para a fin do petróleo. É dicir, claro que hai cousas moi válidas no feito antes, pero agora cómpre reorientar e poñer nun maior valor e urxencia moitas desas medidas, integrándoas entre si moito máis, potenciando a súa utilidade como vías para a resiliencia local. Neste sentido achamos en falta que se asuman algunhas das medidas que máis claramente poderían contribuír a esta integración e á comunicación da importancia e urxencia social do que se pensa facer para preparar o concello para a fin do petróleo como son algunhas do apartado de Medidas xerais e de concienciación: Programa de difusión e formación para a adaptación social pospetróleo; Creación da imaxe marco para todas as medidas municipais pospetróleo; Campaña de difusión mediática local das medidas pospetróleo; Declaración de adscrición ás Cidades en Transición; etc.

É dicir, semella que o PSdeG-PSOE de Ames quere avanzar nesta dirección pero dunha maneira moi discreta, con medidas que publicamente non se vencellen entre si, e sen comunicar dunha maneira forte, aberta e decidida que se vai traballar para afrontar o problema do Peak Oil (p.ex. no programa que se pode consultar no web do candidato ou en versión PDF no web da agrupación local do partido, non aparecen estas cuestións que si nos fixeron chegar en comunicación privada). Este documento que nos fixeron chegar é, sen dúbida, un paso importante para unha formación como o PSdeG-PSOE que demostra que a nivel local este partido amosa un recoñecemento e disposición meirandes das que se poden atopar a outros niveis. Pero, con todo, aínda falta un compromiso máis nidio e o valor de comunicar socialmente que o Peak Oil está aí e que nos está comezando a afectar, dunha maneira que se vai intensificar aceleradamente nos anos que temos por diante ata dar como resultado un modelo de sociedade totalmente diferente. Así, no programa falan de “a situación económica actual, caracterizada por unha profunda crise económica e financeira”, sen recoñecer que é unha crise terminal que debe desembocar —coa guía e colaboración das institucións públicas— noutro modelo socioeconómico pospetróleo e, polo tanto, postindustrial e poscrecemento.

Algunhas medidas que se inclúen no seu programa parecen encaixar dificilmente cunha concepción clara e coherente do que significa o fin da Era do Petróleo (p.ex. “Xestionaremos a creación de prazas de aparcamento no Milladoiro e Bertamiráns” ou “Apostamos, a mesmo tempo, polo comercio e hostalería local como sectores básicos da estrutura económica do noso concello”, sen atender suficientemente a importancia da produción primaria: agrícola, gandeira, forestal… base das economías preindustriais e postindustriais). Tamén atopamos algunha lamentable aposta pola continuidade do business-as-usual mediante as falsas solucións do capitalismo-industrialismo verde: “Fomentaremos o uso de vehículos que sexan respectables co medio ambiente. Para elo, promoveremos unha bonificación de ata o 75% do Imposto sobre Vehículos de Tracción Mecánica para aqueles vehículos de motor eléctrico, alimentados por baterías, e/ou emisións nulas e dun 60% para aqueles considerados híbridos.” Con todo, alédanos comprobar que se vai prescindindo de certos mantras como o do crecemento económico, que xa non aparece —polo menos expresamente— no programa electoral.

A partir deste documento, procederemos hoxe a actualizar a sección de Ames no wiki Municipios.Pospetroleo.com á espera de avaliar o programa de Pacto x Ames e o de Ames Novo ao longo desta semana que resta ata as eleccións do domingo.

Medidas pospetróleo incorporadas ao programa do BNG para Ames (Somos Ames)

Esta fin de semana fixéronnos chegar os documentos programáticos aprobados pola asemblea do BNG de Ames, que aínda que poderán ser ampliados e matizados —tal e como nos explicou Isabel Vaquero—, podemos tomar xa como mostra de en qué medida incorporan as propostas que lles fixéramos desde Ames Pospetróleo na nosa xuntanza do mes pasado.

Ao longo dos 5 documentos nos que dividen as medidas que conforman a base do programa da candidatura nacionalista Somos Ames, podemos atopar as seguintes medidas directamente tomadas das nosas propostas ou, cando menos relacionadas e ás veces unidas a outras propostas ou matices que non estaban presentas na nosa proposta:

Medidas para un Ames pospetróleo no programa do BNG

No documento Ames, concello ao servizo do pobo (Un concello transparente, participativo e público, ao servizo do pobo)

  • Impulso á descentralización administrativa, facilitando ao máximo os trámites na oficina municipal do Milladoiro, alén da casa do concello, e promovendo a administración electrónica para a maioría de trámites administrativos e tributarios.
    (Cf. a medida proposta en Ames.PosPetroleo.com)
  • Impulsar acordos para empréstitos ao concello con cooperativas de crédito e entidades agrupadas na denominada “banca ética”, que reinvisten os beneficios en proxectos locais e sociais.
    Esa medida non estaba incluída entre as nosas propostas pero semella moi interesante, sobre todo polo apoio á economía local de tipo social que implica.
  • Avanzar na recuperación de servizos municipalizados, revertendo da privatización aqueles que se consideren esenciais. Estudarse como opción preferente a xestión municipal do ciclo da auga, cando remate o período do contrato actual.
    Esa medida tampouco a recolléramos nós expresamente, pero parece ben compatible e axeitada para as actuacións propostas para un Ames Pospetróleo.
  • Revisión e auditoría de todos os grandes contratos de suministros, particularmente no eido da electricidade, enerxía e, telecomunicacións. Impulso á licitación con cooperativas enerxéticas para o suministro de equipamentos públicos, e establecemento de inspeccións e controis rutineiros na aplicación das tarifas das multinacionais de servizos.
    (Cf. coa medida proposta por nós sobre empresa municipal de enerxía e cooperativas enerxéticas.)

No documento Ames, un concello para traballar

  • Elaborar un mapa de recursos produtivos locais, identificando as capacidades de produción en Ames de produtos de primeira necesidade (alimentos, enerxía, auga, etc).
    (Cf. cunha das nosas medidas.)
  • Reorientar o consumo das empresas de Ames ao consumo local, de xeito que nos procesos produtivos se atenda nun primeiro nivel a demanda de produtos e servizos xerados no concello.
    (Cf. coa medida corresponde que propoñemos.)
  • Elaborar un plan municipal de infraestruturas e servizos rurais que facilite e incentive a actividade produtiva no rural.
    Non corresponde con ningunha das nosas medidas exactamente, pero encaixa moito con varias delas.
  • Fomentar o relevo xeracional e incorporación da mocidade á agricultura facilitando o acceso a formación e a préstamos municipais, e intensificando a colaboración co Banco de Terras, entre outros.
    (Cf. coa nosa medida sobre o banco de terras.)
  • Impulsar en todo o rural a actividade vinculada á pequena transformación primaria (pequenas empresas transformadoras de alimentos) promovendo a creación de pequenas infraestruturas a nivel parroquial en espazos públicos, que permitan a transformación e conservación de alimentos producidos.
    (Cf. coa nosa medida relativa aos equipamentos parroquiais para conservación de alimentos.)
  • Apoiar a comercialización en mercados de proximidade, aumentando e mellorando os espazos dedicados en espazos públicos no Milladoiro e Bertamiráns, para a venda de alimentos locais e artesanía en mercados de proximidade de tarde-serán.
    (Cf. coa nosa medida de apoio aos mercados locais.) Tamén vai nesa liña outra das propostas de BNG-Asembleas Abertas: Potenciar os mercados de rúa, habilitación de zonas específicas para a instalación de venda de produtos locais de alimentación e artesanía, e con espazos para o troco entre a veciñanza. Emprender actuacións de dinamización, así como a avaliación da súa relocalización para que conten con máis espazo e zonas cubertas. Esta medida fai mención á nosa proposta a prol das feiras de troco.
  • Fomentar o consumo de produtos locais, especialmente mediante o apoio á creación de cooperativas de consumo.
    (Cf. con varias das nosas propostas no terro económico especialmente a que fai mención ás cooperativas de consumo ecolóxico e local.)
  • Potenciar escolas-obradoiro centradas en recuperar a artesanía local, así como oficios especializados (cantaría, carpintaría de restauración, etc.) con alta demanda no mercado laboral.
    Ben, se esa alta demanda se pensa a futuro despois do devalar dos oficios industriais (cf. coa nosa medida a prol da recuperación de oficios.)
  • Recuperar oficios que impliquen reparación, mantemento, reutilización e reciclaxe local de materiais e produtos usados. Integrar os puntos limpos do municipio con estes servizos, ofrecendo neles produtos reparados/reciclados de balde a persoas e institucións sen ánimo de lucro que o precisen.
    (Cf. cunha das nosas medidas.)
  • Apoiar na elaboración de materiais, imaxes gráficas, envases para empresas do concello, marca económica propia.
    (Aínda que o tema da marca Feito en Ames non estaba recollido expresamente nas nosas propostas, encaixa coas propostas xenéricas incluídas na Guía para o descenso enerxético.)
  • Incluír nos pregos de contratación administrativa do concello de bens, subministracións e servizos, criterios que valoren as ofertas de iniciativas empresariais locais, as condicións laborais, o carácter social, a utilización da lingua galega, a eficiencia e o aforro enerxético e o respecto co medio ambiente.
    É moi positivo que se inclúan criterios de “a eficiencia e o aforro enerxético e o respecto co medio ambiente” pero se acha de menos un criterio claro a prol da baixa dependencia do petróleo e que priorice o aforro enerxético por diante da mera eficiencia.
  • Fomento dos viveiros de empresas, prioritariamente para empresas de base tecnolóxica, spin-offs da USC, consultoras culturais e lingüísticas. Interactuar intensivamente coa USC, aproveitar a rede de investigadores, de empresas de base tecnolóxica universitaria para a súa implantación en Ames.
    A priorización da tecnoloxía en xeral, sen supeditala á sustentabilidade e á súa orientación ás necesidades propias da poboación de Ames, resulta incoherente coas medidas económicas propostas por nós. Se for o fomento das empresas de tecnoloxía apropiada e sustentable, independentes do petróleo e dos insumos importados, sería daquela moi coherente. Así, nunha medida presente neste documento xusto a continuación lese algo moito máis acaído nese sentido: Favorecer a instalación de empresas de carácter innovador e de base tecnolóxica mediante distintas medidas de promoción económica. De xeito singular, potenciaranse aquelas que promovan a mudanza tecnolóxica cara a máxima eficacia e eficiencia enerxética a menor dependencia de importacións, nun escenario de esgotamento de recurso ao petróleo. Así que nese sentido, entendidas como unha medida única, resultan coherentes coas nosas propostas (cf. coa medida de innovación empresas pospetróleo que propoñemos.)
  • Impulsar as empresas que ofrezan servizos (consultoría, enxeñaría) para a mudanza tecnolóxica das empresas, sobre todo no aforro de recursos enerxéticos e de materiais non renovábeis.
    Moi coherente coas nosas medidas, especialmente coa relativa á reconversión de empresas de cara a un futuro pospetróleo.
  • Elaborar un mapa do solo de Ames en función da súa capacidade produtiva para a agricultura e a gandería, que axude a ordenar e regular os mellores espazos para mellorar a calidade produtiva.
    (Cf. coa nosa medida a prol da produción local de alimentos.)
  • Fomentar a reorientación das empresas produtivas cara ao consumo local e as necesidades internas de Ames (nun primeiro nivel; despois da bisbarra, e finalmente, de Galiza).
    (Cf. coa nosa medida correspondente.)
  • Desde o Goberno Local termos como obxectivo estimular a actividade comercial dos principais núcleos de poboación do concello, fomentando o consumo nos establecementos comerciais de Ames por parte dos seus veciños e veciñas.
    Algo absolutamente de acordo coas nosas propostas en materia económica (cf. p.ex. coa nosa medida a prol do comercio local.) Tamén vai neste sentido a proposta de Realizar campañas institucionais para promover os comercios e os produtos locais nos concellos do noso contorno. e mais a de Contribuír ao establecemento de redes locais de suministro, favorecendo a apertura de redes comerciais locais en parroquias e urbanizacións.
  • Establecer o compromiso institucional de compra de bens e servizos nos establecementos locais.
    (Cf. a nosa medida análoga.)

No documento Ames, un concello para a igualdade

  • Estudar a creación dun banco local de alimentos.
    (Cf. a nosa medida proposta ao respecto.)
  • Crear programas de servizos (transporte, comedor ou xantar na casa, lavandaría ou mantemento da horta…) que se xestionen a nivel municipal mediante bolsas de emprego para a veciñanza.
    Non o podemos vencellar con ningunha das nosas propostas en concreto pero podería ser moi coherente con varias das nosas propostas (p.ex. a da compartición de servizos no rural) e coa filosofía que debe guiar a trasformación social de Ames para vivir ben sen petróleo.

No documento Ames, un concello para vivir

  • Na introdución ás medidas nesta área podemos ler que O obxectivo principal será o de mudar a idea dun concello dormitorio para asentar a dun concello para vivir.
    É algo que nos parece sumamente acertado e na liña das nosas propostas.
  • Iniciaremos a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, tanto para adaptalo á nova lexislación urbanística como para introducir criterios de sustentabilidade e racionalidade na xestión do territorio, e en clave post-petróleo (Peak Oil).
    É louvable unha mención expresa ao fenómeno do Peak Oil e que se poña en relación, xa na primeira das medidas, co tema urbanístico. (Cf. a nosa medida análoga.)
  • Promoción da arquitectura bioclimática, tanto en edificios públicos como de iniciativa privada.
    (Cf. coa nosa medida relacionada.)
  • Os nosos obxectivos serán a ampliación do transporte público e mellorar a súa calidade (horarios, frecuencias…), co obxectivo de facilitar a mobilidade da poboación e reducir o consumo enerxético e a contaminación. Alén diso, tamén fomentaremos novas formas de mobilidade, impulsando tanto o uso da bicicleta como os desprazamentos a pé no interior das vilas.
    Moi na liña das nosas propostas na área de transporte.
  • En xeral todas as medidas relativas ao transporte público parecen acaídas, especialmente a que propón Promover a transformación do maior número posible de vehículos municipais e de uso público para funcionaren con aceite reciclado, e promover unha rede de recollida de aceite usado doméstico, nos negocios de restauración, comedores de centros públicos e de traballo, industriais, etc. para reciclalo en plantas locais para o dito abastecemento, que foi tomada directamente das nosas propostas.
  • Execución dun plan de aforro enerxético nas instalacións municipais que evite a contaminación lumínica e estableza mecanismos de aforro.
    Corresponde cunha medida proposta por nós e resulta perfectamente coherente co conxunto das nosas propostas, e moi pertinente, aínda que a cuestión da contaminación lumínica nos parezca menor. Estoutra medida, que afonda na cuestión, tamén nos parece pertinente: Implantar progresivamente sistemas que utilicen enerxías renovables nas instalacións públicas, con medidas de porcentaxe de uso de enerxía procedente de fontes renovábeis nos edificios públicos municipais. De todos xeitos esa implantación “progresiva”, opinamos que debería ser o máis rápida posible, pois nos adentramos nun escenario de moita incerteza en canto á subministración enerxética. Tamén se propón máis adiante no mesmo documento do BNG de Ames Avogar pola instalación de dispositivos térmicos e fotovoltaicos nas instalacións municipais e fomentar entre a poboación o uso de enerxías limpas e alternativas. o cal pode encaixar tamén co espíritu das nosas propostas, sempre e cando os “dispositivos térmicos” sexan de enerxía solar térmica, claro, ou outros de tipo renovable.
  • Nas actuacións de saneamento, tamén se iniciará o proceso de reforma cara sistemas sustentábeis, reconvertendo de acordo coa tecnoloxía dispoñíbel as estacións cara a adecuación enerxética e redución na produción de residuos contaminantes.
    Aínda que parece que evitaron concretar qué tipo de saneamento alternativo propoñen como sustentable, isto deixa a porta aberta a implantar algo como o que defendemos nós.
  • Adaptar os sistemas e programas de roza da vexetación nas vías de responsabilidade municipal, para facelas máis intensivas en man de obra e menos en combustibles fósiles e sistemas mecánicos. Eliminar completamente o uso de herbicidas nestes labores.
    É literalmente a medida que propuñamos nós.
  • Estudar a creación dunha empresa municipal de xeración e distribución de electricidade e calor a partir de fontes renovables locais.
    Tamén corresponde directamente cunha medida, moi importante, que propoñemos nós.
  • Creación de espazos naturais verdes no Milladoiro e Bertamiráns que, ao tempo de favorecer a relación e o coñecemento co medio, sexan espazos para a relación e o lecer. Remodelar os espazos verdes para incluír espazos produtivos (hortos urbanos, bosques de alimentos, proxectos de agrosilvicultura).
    (Cf. coas nosas medidas xenéricas de espazos verdes e a de espazos verdes produtivos.)
  • Retirada dos parques infantís e substitución por materiais naturais non contaminantes e da máxima salubridade dos pavimentos producidos a partir de petróleo pola súa insustentabilidade e polas emisións de substancias químicas volátiles prexudiciais para a saúde.
    Tamén é unha medida tomada directamente das nosas propostas.
  • Favorecer a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos, estendendo a recollida de aceite doméstico, a compostaxe caseira, adaptando o número e localización dos contedores específicos ás necesidades detectadas.
    (Cf. coa nosa medida acerca do lixo.)
  • Crearanse itinerarios medioambientais para peóns e bicicletas que sirvan como unha alternativa real ao uso do coche, permitindo o desprazamento a pé ou en bicicleta entre As Cortes e Bertamiráns, e entre O Milladoiro e Ventín.
    Unha medida que eles concretan nun ámbito determinado e que recolle o espíritu das nosas medidas para o transporte.
  • Promoverase a recuperación dos camiños tradicionais que unían os núcleos rurais e coidaranse especialmente, os tramos do Camiño de Santiago que pasan polo noso concello: o que continúa ata Fisterra e o Camiño Portugués.
    Medida que non recolliamos nós, pero que avaliamos como moi interesante, especialmente no que se refire á rede de camiños parroquiais.
  • Apoio ás persoas propietarias do monte en calquera iniciativa dirixida á súa ordenación e xestión sustentable.
    Tamén soa acaído a un Ames pospetróleo, aínda que habería que ter coidado en concretar en que consistiría esa ordenación e o carácter sustentable da xestión.
  • Establecerase unha ordenanza forestal que facilite a colaboración entre o Concello e as persoas propietarias do monte para preservar ou establecer plantacións forestais que protexan e potencien a biodiversidade, ao tempo que constitúan unha devasa natural fronte aos incendios.
    Positivo, en principio, pero conviña poñelo en relación cun uso multifuncional do monte que prime a produción de alimentos e enerxía e materiais de primeira necesidade dun xeito sustentable.
  • Fomentar a agricultura/horticultura urbana e periurbana ecolóxica mediante campañas, cursos, incentivos diversos, cesión de espazos e apeiros, subvención de sementes, etc. Ampliar as hortas públicas actualmente existentes no Milladoiro e en Bertamiráns e recuperar hortas ata hai pouco (ou aínda) produtivas.
    Unha medida moi positiva, nos termos practicamente propostos por nós.
  • Establecer un programa municipal para a transición enerxética tanto para adoptar un plan de medidas para a institución municipal como para establecer accións de difusión, concienciación e formación para a adaptación social pospetróleo.
    Unha medida fundamental, que se cadra pasa un tanto desapercibida dentro do programa e que debería servir como marco ou comezo de moitas das outras que vimos comentando. Resume varias das medidas propostas por nós no terreo da concienciación e planificiación municipal.
  • Prohibición de uso de agroquímicos (praguicidas, herbicidas, fertilizantes, etc.) no concello sobre os que exista unha sospeita razoábel de ser daniños para a saúde, o medio ambiente, e sobre todo para elementos críticos como as abellas, vitais para a produción de moitos alimentos.
    Medida tomada das nosas propostas.
  • Promover un programa de aproveitamento dos fertilizantes de orixe animal e vexetal, como abono alternativo coas máximas garantías para a saúde pública. Aproveitamento como fertilizante dos residuos vexetais procedentes das rozas realizadas polos servizos municipais e tamén polos particulares.
    (Cf. coa nosa proposta que tamén incluía os excrementos humanos.)
  • Apoiar a creación e mantemento de bancos e redes de sementes locais, que permitan a calquera persoa interesada en cultivar alimentos utilizar este tipo de sementes autóctonas. Estabelecer colaboracións con outros bancos e redes de sementes a nivel galego.
    Medida literalmente recollida das nosas propostas.

O que criticamos

Con todo, achamos algunhas medidas que chocan coas nosas propostas, polo menos aparentemente, e que deberían ser modificadas —na nosa opinión— para facelas coherentes coas medidas a prol dun Ames resiliente e preparado para a fin da civilización baseada no petróleo e no crecemento perpetuo:

No documento Ames, concello ao servizo do pobo (Un concello transparente, participativo e público, ao servizo do pobo)

  • Orientación dos orzamentos municipais ao estímulo do desenvolvemento e crecemento, desde unha perspectiva sustentable, revisando os planos de investimento en función da adaptación de infraestruturas e equipamentos a materiais dispoñíbeis no entorno próximo. Gastar estratexicamente para que a economía local se reactive, abandonando a política de priorizar devolverlle canto antes as débedas á banca privada.
    Esta medida ten de positivo que asume que a economía local debe basearse nos materiais dispoñibles na contorna, aínda que elude mencionar a enerxía que posibilite ese desenvolvemento, que tamén debería proceder do ámbito local e ser renovable no maior grao posible. Tamén aplaudimos a aposta por reactivar a economía local, que encaixa con moitas das nosas propostas no terreo económico. Pero o máis chocante é que se xunten na primeira frase os termos crecemento e sustentable: como se ven defendendo desde o movemento a prol dun Decrecemento xusto e socialmente controlado, e mesmo antes desde o informe do Clube de Roma Os Límites do Crecemento (1972), non pode haber crecemento sustentable nun mundo finito. Noutro documento (Ames, un concello para traballar) dise tamén: A actuación do BNG-Asembleas Abertas no concello de Ames dedicará esforzos, recursos e respaldo á posta en valor dos recursos endóxenos para atinxir un modelo de crecemento económico sustentábel, ademais de apoiar e investir no coñecemento, a investigación e a innovación para implantar un modelo económico que sexa capaz de atinxir maiores niveis de emprego. Cómpre antes de nada, para ser coherentes coa concienciación da que debe partir unha política municipal adaptada a esta fin do crecemento á que xa chegamos, entroutras causas, polo devalar da enerxía fósil que foi o motor indispensable do crecemento da civilización industrial no último século e medio, renegar do mito do crecemento e do progreso, sempre asociado a un aumento cuantitativo da economía. Por iso gustaríanos ver maior coherencia en ese punto do programa, que non é para nada un aspecto menor do mesmo. Por outra banda demorar a devolución da débeda aos bancos resulta un tanto perigoso nun contexto de contracción económica: unha das recomendacións xenéricas que máis repiten os teóricos dunha economía pospetróleo é liberarse das débedas. Polo tanto tamén coidamos que precisa ser reconsiderada esa postura, que por suposto deberá facerse compatible co destino do máximo de recursos posibles ao resto de medidas a prol da resiliencia local.
  • Revisión da política e da xestión tributaria local. Aplicación do IBI aos bens da Igrexa Católica que non se adiquen ao culto, así como imposición de gravames adicionais ás vivendas e locais comerciais sen uso para disuadir da especulación. Extensión de bonificacións tributarias a persoas e familias en situación de emerxencia, sen que por iso perdan o dereito aos servizos municipais. Revisión dos copagamentos en servizos sociais, establecéndoos no mínimo legal imprescindíbel para as persoas con pensións mínimas.
    Non hai ningunha mención ás nosas medidas de política fiscal. Porén, no documento de Ames, un concello para traballar podemos ler: Estudar bonificacións fiscais ás empresas que se instalen no concello que conten con certificacións de sustentabilidade ambiental, ou que adopten programas de máxima eficiencia e aforro enerxéticos., o cal si que pode ir nese sentido.

No documento Ames, un concello para traballar

  • Encabézase o documento con esta afirmación contudente: No contexto de crise económica, consideramos imprescindíbel que a prioridade absoluta do goberno local sexa a de abordar unha estratexia dirixida a recuperar o dinamismo económico e a creación de emprego.
  • Porén, o noso posicionamento, e o que pretende o conxunto de máis de 100 medidas que estamosa a propoñer para o vindeiro goberno municipal, parten do feito de que o que importa ao final é satisfacer as necesidades da xente, e que iso, nun contexto de colapso progresivo do modelo de sociedade industrial e captialista do crecemento, dependente das enerxías fósiles en proceso de esgotamento, xa non pode ser garantido polo emprego, e que, de feito, nunca foi o emprego o que facilitou o 100% das necesidades das personas no noso concello, apoiadas cada vez en maior medida na autosuficiencia alimentar e nos labores de coidados, case sempre cargadas sobre os hombros das mulleres. Polo tanto defendemos que o emprego sexa unha prioridade, pero non a absoluta, pois non deixa de ser un mecanismo indirecto para a satisfacción das necesidades. A prioridade absoluta debe ser que todo o mundo teña esas necesidades cubertas, haxa ou non haxa emprego.

  • Apoio á creación de empresas dende todos os ámbitos: emprendedores/as, empresas en expansión, fomento do autoemprego entre a mocidade, as mulleres e colectivos desfavorecidos, así como a detección e apoio ao desenvolvemento de novas oportunidades de negocio.
    Lamentablemente non se fixo mención ás priorizacións deses apoios en función da sustentabilidade desas empresas (é dicir, que sexa o menos dependentes posible dos insumos de orixe fósil) nin que estean dirixidas a satisfacer as necesidades básicas da poboación de Ames, tal como se propón en varias das nosas medidas. Tampouco achamos eses criterios noutras medidas de fomento económico e laboral incluidas neste documento. A única que parece apuntar dalgunha maneira nese sentido é a seguinte: Apostar pola creación de emprego público vinculado a servizos básicos locais para a poboación (…)
  • Promover o desenvolvemento forestal do concello, colaborando cos propietarios forestais e a administración forestal en labores de planificación e extensión forestal.
    Esa medida soa un tanto perigosa, se se entende o desenvolvemento forestal como manter e mesmo ampliar o uso actual dos nosos montes. Para nós o monte debe ser recuperado como fonte diversificada para a sustentabilidade local: en primeiro lugar no terreo alimentar, fornecendo alimentos e fertilidade para as producións agrogandeiras; en segundo lugar como fonte de enerxía e materiais, sempre supeditada á primeira función a prol dunha alimentación sustentable (Vid. o apartado da Guía para o descenso enerxético relativa ao papel do monte na Galiza pospetróleo.)

No documento Ames, un concello galego

  • Neste documento non achamos ningunha mención á promoción dun cambio cultural a prol da relocalización, resiliencia, vida simple, etc. como o que se propón en varias das nosas medidas.

No documento Ames, un concello para a igualdade

  • Establecer unha renda social para aquelas familias con todos os seus membros desempregados. e tamén Aumentar a partida destinada ás axudas para situacións de emerxencia social para atender a máis persoas e para poder afrontar non só o alugueiro ou a hipoteca da vivenda e o pagamento dos recibos de servizos básicos coma auga e electricidade, senón tamén a compra de medicinas, recepción de lotes de produtos de primeira necesidade e produtos de limpeza na casa, bonos de alimentación, bonos de transporte, gastos de seguro, gastos funerarios, servizos de canguraxe, entre
    outros. Revisar o regulamento de axudas e o procedemento de concesión de prestacións.

    No tema da Renda Social e das prestacións monetarias non temos feito ningunha proposta porque coidamos moito máis interesante e sustentable a facilitación ao máximo da autosuficiencia das familias: é dicir, non repartir diñeiro para que as persoas en peor situación económica poida satisfacer todas as súas necesidades básicas, senón primar ante todo a satisfacción desas necesidades mediante o acceso aos recursos que as poden encher directamente, sen ter que mediar o diñeiro e o mercado (Vid. p.ex. H.P. Lijó, “Tudo contra a renda básica“). Se a renda social for estabelecida a partir dunha moeda social local sería moito máis acaída e sustentable, na nosa opinión. En todo caso parece idónea unha potente combinación de mecanismos diversos, mediante moeda social, hortas urbanas, vivenda social, bancos tempo, bancos de alimentos, subvención do transporte colectivo, compartición de útiles e troco, etc., complementada para aqueles gastos que non poidan ser satisfeitos por todas estas medidas, con pequenas axudas en euros.
  • Establecer un plan de rehabilitación progresiva de núcleos rurais coa finalidade de mellorar a calidade de vida da veciñanza e poñelos en valor como recursos turísticos, de ser o caso.
    Ningunha referencia aos criterios que propoñemos para guiar esa rehabilitación. O dos recursos turísticos semella moi afastado dos criterios xerais das nosas medidas. O futuro do rural non pode depender do turismo senón da produción de bens de primeira necesidade e pola autosuficiencia local. No documento Ames, un concello para vivir, tamén se insiste nesa dubidosa motivación turística: Así mesmo, na revisión do PXOM abordarase un Plan integral de conservación de núcleos rurais, que contemple a rehabilitación progresiva dos núcleos rurais coa finalidade de mellorar a calidade de vida da veciñanza e poñelos en valor como recursos turísticos, de ser o caso.
  • Impulsar actividades que faciliten as relacións interxeracionais, atendendo de forma especial á colaboración cos centros de ensino, e a recollida da memoria viva a través da historia oral.
    Achamos en falta que se fale aí da necesaria trasmisión dos saberes que atesouran os/as máis vellos/as do concello de cara a aprender a vivir sen todo o que nos fornece o petróleo e a industria moderna, aínda que a medida en si mesma podería dar pé perfectamente a facelo.
  • Crear programas de incentivación da autonomía das nenas e dos nenos e de creación de comunidades de aprendizaxe: hortas escolares, camiños escolares alí onde as condicións de seguridade viaria o permitan, apoio entre escolares (tarefas escolares, como comer, lectura, etc.), fomento de relacións interxeracionais, etc.
    (Cf. a nosa proposta de hortas escolares.)

No documento Ames, un concello para vivir

  • Humanización de Bertamiráns, particularmente nas fincas pendentes de urbanización. Ante o descenso da actividade urbanística, artellaranse acordos con propietarios de fincas para equipamentos públicos temporais acondicionados (aparcadoiros temporais, prazas e espazos públicos de lecer).
    Tería sido necesario incluír aí un uso como fincas para a produción de alimentos (vid. a nosa medida relativa a esta cuestión.)
  • Elaboración e execución dun plan de mellora de parques e zonas verdes.
    Non consta aquí a súa reorientación para a produción de alimentos, como propoñiamos nós, aínda que si consta noutras partes do programa.
  • Executar un plan de soterramento progresivo das liñas eléctricas e de telefonía nos núcleos urbanos e nos núcleos rurais tradicionais.
    Que se pretende conseguir co soterramento? Xa compensa o custo maior (enerxético) que implicará manter unhas liñas soterradas? Xa se analizou o impacto para a saúde de aproximar os campos electromagnéticos das liñas eléctricas ao nivel das persoas? Semella unha medida un tanto problemática que coidamos deberían repensar baixo parámetros dun mantemento o máis doado posible nun futuro de baixa dispoñibilidade enerxética.
  • Implementar programas propios ou en colaboración con empresas privadas e organismos públicos de espallamento e universalización da banda ancha e de redes sen fíos. Asegurar a existencia de espazos públicos con acceso nos núcleos de poboación.
    Habitualmente as redes sen fíos implican maior contaminación electromagnética, especialmente problemática se se empregan frecuencias do rango das microondas, como é o caso de sistemas Wi-Fi e Wi-Max. O emprego da conectividade telemática pode ser útil para o aforro enerxético mais non se debe facer a custo de empeorar a saúde das persoas.
  • Aseguramento desde o concello da limpeza das faixas de protección dos núcleos de poboación e na difusión entre a poboación das medidas de prevención e defensa contra os incendios forestais.
    Aínda que en principio é positiva a implicación do concello na prevención contra o lume, isto conviña analizalo desde unha óptica de favorecemento da autosuficiencia da poboación pois a lexislación acerca das faixas de protección en ocasións pon atrancos á produción de alimentos dun xeito sustentable nas fincas ubicadas nesas faixas.

Avaliación xeral do programa

Consideramos que o programa de BGN-Asembleas Abertas (Somos Ames) recolle moitas máis luces que sombras ao respecto da adaptación do concello cara a un Ames máis resiliente e adaptado á vida pospetróleo, aínda que non poidamos dicir que sexa un programa demasiado avanzado nin atrevido nese sentido. Non recollen todas as medidas propostas pola nosa asociación e moitas das que consideraron positivamente foron modificadas con respecto aos termos propostos por nós, matizando e eliminando algunha cuestión. Así e todo, por outra banda, inclúen outras medidas que nós non recolléramos e que si que van na liña necesaria, o cal quere dicir que eles tamén comparten boa parte dos criterios para un Ames pospetróleo. Isto é especialmente notable, como xa apreciáramos na nosa reunión con eles, nos terreos da revitalización da produción local de alimentos e mais do comercio local, aínda que nese segundo terreo lamentamos que se descartase unha medida tan importante como pode ser a creación dunha moeda complementaria local. Se cadra quedan algunhas lacunas que completarmos, pero como xa parten das medidas máis importantes como son o labor proactivo de concienciación e a elaboración dun plan para a transición enerxética, pensamos que o marco principal queda suficientemente trazado para poñer en marcha novas medidas se acada este grupo responsabilidades de goberno. Tamén será preciso que paulatinamente se abandone a énfase que se aprecia no programa por conceptos como o crecemento (aínda que se cualifique de sustentable, algo como comentamos que é incompatible) ou o emprego.

Agora agardemos que o resto de grupos tamén coincidan con estas medidas e así poidan colaborar con eles nun futuro goberno municipal, ou mesmo apoiar desde a oposición algo que debería quedar fóra totalmente do lexítimo rifirrafe político, pois as persoas que vivimos en Ames xogámonos demasiado como para que estas medidas poidan fracasar por cuestións partidistas.

Mentres agardamos que o resto de grupos políticos nos fagan chegar os seus programas ou a relación de medidas propostas pola nosa asociación que decidiron asumir e defender, procuraremos ir indicando no wiki as medidas que finalmente recolleu o BNG de Ames. Felicitamos ás veciñas e veciños que compoñen esta candidatura do Bloque por ter dado un paso moi importante e esperamos que noutros concellos esta formación política asuma medidas similares e vaia mudando políticas dun tempo que remata por políticas acaídas a un tempo de emerxencia enerxética, económica e social.